62 novos casos activos detectados nas PCR durante as últimas horas en Pontevedra e O Salnés

19 de decembro 2020
Actualizado: 17:37

45 persoas permanecen ingresadas nos Hospitais da área sanitaria: 37 pacientes atópanse en planta de hospitalización, 31 deles no Hospital Montecelo; 2 no QuirónSalud Miguel Domínguez e 4 no Hospital do Salnés; ademais de 8 pacientes covid que permanecen na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

Probas de cribado de COVID a persoal de hostalería no Hospital Provincial
Probas de cribado de COVID a persoal de hostalería no Hospital Provincial / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés eleva a 925 o número de casos activos de coronavirus, 28 casos máis que durante este venres. A situación continúa sendo preocupante porque as cifras de contaxios seguen a subir. Na última xornada detectáronse 62 positivos nas 936 probas  PCR realizadas polo Servizo Galego de Saúde. 

Este sábado hai 45 persoas ingresadas nos Hospitais de Pontevedra debido á pandemia. 37 pacientes  covid atópanse na planta de hospitalización: 31 no Hospital Montecelo; 2 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 4 están no Hospital do Salnés. A estes hai que sumar os 8 pacientes covid que permanecen na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

880 persoas permanecen nos seus domicilios recuperándose da enfermidade. Desde o inicio da pandemia curáronse 5.419 pacientes na área sanitaria e faleceron por culpa do virus 73 persoas, a última producíase nas últimas horas e trátase dunha muller de 70 anos que perdía a vida en Montecelo, cun cadro clínico no que figuraban outras enfermidades.

En canto a residencias, nas últimas horas 5 usuarios e 6 traballadores da residencia de maiores Soremay (Pontevedra) deron resultado negativo. Neste espacio continúan 29 casos positivos entre os residentes e 9 entre o persoal do centro. Na Residencia Pontevedra (Vilaboa) hai 20 usuarios coa enfermidade e 10 traballadores, mentres que na Residencia DomusVi Ribadumia permanecen 8 traballadores infectados.

Segundo os datos forecidos por cada un dos Concellos, no municipio de Pontevedra hai 219 positivos, un menos que o venres; en Marín aparecen 54 casos activos, dous máis respecto a 24 horas antes; Poio suma 47, un máis; Sanxenxo continúa en 58; Cambados contempla 36 activos; Vilagarcía conta con 124 casos activos de covid, cinco máis que este venres e Vilanova de Arousa rexistra un total de 8 enfermos, sen variación nos últimos días.

O número de casos activos de coronavirus en Galicia tamén segue subindo e xa alcanza os 5.653 pacientes con infección activa, 12 casos máis que este venres. 281 enfermos atópanse en planta de hospitais da comunidade mentres que 56 permanecen na Unidade de Coidados Críticos. 

Nas últimas horas, detectábanse 339 casos activos máis nas probas PCR. Galicia, co últimas catro persoas falecidas, suma xa 1.336 mortes desde o inicio da pandemia.