As 74 novas vivendas sociais de Valdecorvos xa teñen inquilinos: "Somos xente que vivimos ao día. É un alivio"

Pontevedra
18 de xuño 2025
Actualizado: 16:31

O sorteo das vivendas estivo presidido pola conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue. A metade delas, concedidas en réxime de aluguer, serán para persoas menores de 36 anos

Lara Sartier, Candela Lozano (en nome do seu cuñado) e Soraya Arias, adxudicatarias de vivendas sociais en Valdecorvos

Para as máis de 1.500 rexistradas como demandantes de vivenda protexida en Pontevedra, o deste mércores non era un día máis. As 74 novas vivendas en réxime de aluguer social que a Xunta de Galicia está a construír en Valdecorvos buscaban os seus futuros inquilinos.

Moitos deles non dubidaron en seguir en directo este sorteo, que se realizou no salón de actos do edificio administrativo da Xunta en Campolongo, e mesmo varias das persoas que habitarán estas vivendas estaban entre os presentes.

É o caso de Soraya Arias, unha traballadora do sector sociosanitario que conseguiu unha vivenda de dous dormitorios. Levaba doce anos tentando conseguir unha destas residencias para ela e a súa familia. "Sempre tiven fe de que algún día me ía a tocar", asegurou.

Actualmente vive de aluguer pagando uns 575 euros, case a metade do seu salario, e agora poderá ocupar unha destas vivendas nas que, dependendo da renda de cada adxudicatario, poderán residir un mínimo de 7 anos pagando entre 100 e 275 euros ao mes.

"Para min é un alivio. Podo empezar unha nova vida", celebrou Soraya, que se mudará ao seu novo fogar, a principios do ano que vén, xunto aos seus dous fillos.

María Martínez Allegue con Candela Lozano, cuñada dun adxudicatario de vivenda en ValdecorvosXunta de Galicia

Menos tempo esperando, apenas uns meses, levaba Luís Escudero. Inscribiuse no rexistro hai uns meses, segundo explicou a súa cuñada, Candela Lozano. "Tocoulle á primeira", celebrou. Aos seus 30 anos deixará a súa vivenda da Seca pola que lle tocou en Valdecorvos.

Toda a súa familia mostrou a súa felicidade porque "somos xente que vivimos ao día" e poder residir nunha vivenda con alugueres tan baixos "é un alivio".

Apenas 25 anos, pola súa banda, ten Lara Sartier, para quen tamén este era o seu primeiro sorteo. "Estou moi feliz", sostivo. "Vin a oportunidade e apunteime", explicou a moza, que xunto aos seus dous fillos, un de só tres meses, residía coa súa nai noutra vivenda social en Valdecorvos.

Poder independizarse e iniciar un novo proxecto vital con estas condicións "dáme moita tranquilidade", sobre todo polos seus fillos e pola súa nai, á que esta auxiliar de enfermaría, que gozará dun piso de tres habitacións, "poderei axudar moito máis".

Lara Sartier, adxudicataria de vivenda en Valdecorvos, con María Martínez AllegueXunta de Galicia

Este sorteo estivo presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que lembrou que a metade destas 74 vivendas adxudicáronse, en réxime de aluguer, a persoas menores de 36 anos.

"Contamos con que estean finalizadas e entregadas no primeiro trimestre de 2026", apuntou Martínez Allegue, que puxo en valor o traballo que está a realizar a Xunta de Galicia para facilitar vivendas "dignas, accesibles e de calidade".

Estas 74 vivendas distribúense en catro bloques de baixo, catro alturas e baixo cuberta. Vinte delas teñen dous dormitorios, cincuenta teñen tres e o catro restantes son de catro. Cada fogar leva vinculado un trasteiro e unha praza de garaxe.

A conselleira lembrou que, en Valdecorvos, o goberno galego ten actualmente 236 vivendas de promoción e pública. Ademais das 74 en construción, están a elaborarse os proxectos para outras 104 vivendas e para a reconversión de catro baixos a maiores.

A iso sumou as 53 vivendas públicas que se construirán nos terreos da antiga Tafisa, nunha parcela cedida polo Concello. A redacción do proxecto para a súa construción saíu este mércores a licitación, confirmou María Martínez Allegue.

A Xunta ten licitada tamén a redacción do proxecto para outras once vivendas nunha parcela da Rúa das Devesas, na Parda, cedida tamén polo Concello, ao que a conselleira agradeceu a súa colaboración para facilitar máis solo onde construír vivenda.

A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou este mércores ante notario a cesión definitiva das tres parcelas municipais en Valdecorvos, Tafisa (Ernestina Otero) e A Parda (Rúa das Devesas), o que permitirá a construción dunhas 125 vivendas protexidas por parte da Xunta.

Miguel Anxo Fernández Lores asina ante notario a cesión das tres parcelas municipais para vivendaConcello de Pontevedra

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora