750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís

Pontevedra
02 de decembro 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ten previsto aprobar este venres a concesión da segunda quenda destas axudas, que se suman aos 305.000 euros outorgados no mes de outubro. Segundo o deputado Uxío Benítez, permitirán gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público e crear máis de 13 quilómetros de sendas peonís en 28 concellos da provincia

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Deputación de Pontevedra

Está previsto que este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobe a segunda fase de axudas da Rede Ágora que, segundo o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, permitirá desenvolver 76 proxectos de mellora de espazos urbanos de estancia, sendas peonís e ciclistas, peonalizacións e outro tipo de melloras de calidade urbana en 28 municipios da provincia.

Segundo a estimación que se realiza desde o ente provincial, espérase gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público e construír máis de 13,5 quilómetros de sendas peonís e ciclistas. As subvencións superan os 750.000 euros e súmanse aos 305.000 euros outorgados no mes de outubro. Tamén se aprobará unha nova convocatoria de subvencións na que se repartirán outros 900.000 euros de fondos provinciais.

Benítez destaca a elevada resposta dos concellos para apuntarse a estas convocatorias da Deputación ao apostar polo modelo Ágora e entender que o espazo público é un dereito das persoas como eixo da mobilidade e da planificación urbana.

O deputado de Mobilidade afirmou que dos 31.101 metros cadrados peonís previos nas zonas de actuación pasarase a 135.853 metros cadrados, o que significa recuperar as dimensións de ao redor de vinte campos de fútbol para a mobilidade das persoas fronte aos automóbiles.

Tamén se construirán sendas peonís cunha lonxitude total de 13.599 metros lonxitudinais en nove dos 28 concellos da provincia grazas a estas axudas.

A Xunta de Goberno apoiará, entre outros, tres proxectos en Cerdedo-Cotobade; un en Ponte Caldelas, dentro da comarca de Pontevedra; tres en Meis, un en Sanxenxo, tres en Vilagarcía e un en Meaño, que se unen aos dous aprobados xa para O Grove no Salnés. Tamén Marín contará co visto e prace para dous proxectos, mentres que Bueu e Vilaboa serán subvencionados cada un cunha axuda para outras tantas propostas.

Ante este interese que detecta o goberno provincial, o deputado Uxío Benítez afirma que se volverá a abrir un novo prazo de presentación de solicitudes con máis de 900.000 euros para proxectos que se presenten á convocatoria.