85 establecementos comerciais participan no Conto de Nadal de Pontevedra

Pontevedra
17 de decembro 2021

Conta cunha decoración de fantasía que narra o Conto de Nadal de Pontevedra, protagonizado polos comercios locais da cidade e creado para darlles visibilidade e incentivar as compras neles durante estas festas

Instalación do programa Conto de Nadal de Pontevedra Concello de Pontevedra

Un total de 85 establecementos comerciais participan no Conto de Nadal de Pontevedra que esta tarde inaugurou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, na Praza do Teucro.

Conta cunha decoración de fantasía que narra o Conto de Nadal de Pontevedra, protagonizado polos comercios locais da cidade e creado para darlles visibilidade e incentivar as compras neles durante estas festas. 

Entre o mobiliario de Nadal deste relato de fábula inclúese unha fermosa árbore e un buzón no que os clientes poderán depositar as participacións entregadas polos negocios adheridos á campaña, tomando así parte nun sorteo de dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por artigos e servizos en calquera dos establecementos. Dito sorteo terá lugar na Casa da Luz o día 7 de xaneiro e os gañadores serán notificados por vía telefónica.

Aínda que a historia estará exposta ata o 6 de xaneiro, aquelas persoas que se acheguen ata a Praza do Teucro para visitar a mostra do Conto de Nadal de Pontevedra terán as opcións de lela ou escoitala, ao dispoñerse dunha guía audiolibro cun código QR que, ao escanearse, reproducirá a historia en audio. 

Ademais, haberá seis días nos que se celebrarán sesións de Contacontos a cargo da empresa ‘Onde viven os contos’ para que os máis pequenos poidan vivilo e desfrutalo como se dun espectáculo se tratase: Sábado 18 de decembro: 17:30 horas. Con intérprete de lingua de signos; o domingo 19 de decembro: 17:30 horas. Con intérprete de lingua de signos; o xoves 23 de decembro: 17:30 horas; o domingo 26 de decembro: 17:30 horas; o venres 31 de decembro: 12:30 horas e o martes 4 de decembro: 17:30 horas.