8M | A Lama reivindica o "papel fundamental" das mulleres no rural contra a despoboación

Pontevedra
10 de marzo 2025

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais do Concello da Lama, Trinidad Fernández Ourbiña, foi este luns a encargada de ler o manifesto reivindicativo do municipio con motivo do 8 de marzo

Conmemoración do 8M na Lama Concello de A Lama

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais do Concello da Lama, Trinidad Fernández Ourbiña, foi este luns a encargada de ler o manifesto reivindicativo do municipio con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

No documento, insistiu na importancia das mulleres no mundo rural, "que teñen un papel fundamental no desenvolvemento de actuacións relacionadas coa loita contra a despoboación e o reto demográfico"

Trinidad Fernández avogou por "promover a participación activa das mulleres na vida política e social local", mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que "permitan acadar a paridade nas corporacións municipais e nas alcaldías".

Tamén insistiu en aplicar medidas para "garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego", promovendo a participación equitativa das mulleres en todos os niveis e sectores laborais e impulsar campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, dando apoio integral ás mulleres vítimas e traballando na erradicación da violencia machista.

Conmemoración do 8M na LamaConcello de A Lama

A lectura do manifesto contou coa presenza do alcalde, David Carrera, así como coas responsables do Centro de Información á Muller (CIM), Adriana Fontaíña e Galiza Aguete; a xuíza de Paz, Mercedes Fernández; e traballadoras do FORGA que realizan prácticas  no Concello.

O manifesto reivindicativo leuse no salón de plenos da casa consistorial ao mediodía e a xornada tamén contou con outros actos reivindicativos. 

Así, puxeron en marcha varios obradoiros para o alumnado de primeiro a sexto de Primaria do colexio relacionados cos estereotipos de xénero, igualdade no traballo e nas tarefas do fogar.

Estas actividades contan cunha subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de 1.966,37 euros.