A Xunta de Galicia continúa avanzando nos proxectos para ampliar o parque de vivendas de promoción pública en Pontevedra.
O último paso é a licitación por 9,3 millóns de euros da construcción de 56 novas vivendas no barrio de Valdecorvos, en concreto na parcela P14 do polígono B1.
Os traballos para construír estas vivendas terán un prazo de execución de 18 meses.
A parcela P-14 do polígono B1 de Valdecorvos conta con 3.201 metros cadrados de superficie.
Estas 56 novas vivendas distribuiranse en tres bloques independentes de catro plantas de altura e baixo cuberta, ademais de garaxes, rochos e locais comerciais.
En Valdecorvos, a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública.
Delas, 74 están en construción e xa se efectuou o sorteo para a súa adxudicación provisional, ás cales hai que sumar estas 56 cuxas obras se acaban de autorizar e outras 48 cuxa construción se licitará tamén proximamente na parcela P17.
Tamén está adxudicada a redacción dos proxectos para converter catro baixos en vivendas e xa está licitada a redacción do proxecto para outras 54 vivendas na parcela P19.
A maiores, a Xunta ten licitada a redacción do proxecto para construír outras 53 vivendas públicas nunha parcela de Tafisa cedida polo Concello, así como tamén a redacción do proxecto para outras 11 vivendas na Rúa das Devesas, igualmente cedida pola administración local.