A activista trans Ada Otero formará á Policía Local no tratamento das vítimas de LGTBIfobia

Pontevedra
21 de novembro 2019

O curso formativo, promovido pola concellería de Igualdade dentro do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota, vai impartirse o vindeiro 27 de novembro na Aula de Formación da Policía Local de Pontevedra

Axentes da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Axentes da Policía Local de Pontevedra recibirán un curso orientado á formación en tratamento das vítimas de LGTBIfobia e de delitos de odio. A activista  trans Ada Otero, avogada especializada en violencia machista e en temas relacionados co xénero, será a encargada de ofrecer este curso, de tres horas de duración, na aula de Formación da Policía Local o vindeiro 27 de novembro.

Ada Otero realizará unha introdución sobre a diversidade sexual e de xénero; o colectivo LGTBI analizando cada unha das siglas e os prexuízos que se derivan da LGTBIfobia en relación ás agresións que sofren. Ademais, a avogada falará tamén da desprotección xurídica que padecen; da inapropiada difusión que se fai dos seus comunicados e como deben actuar os axentes no caso de que se produzan denuncias por parte de persoas integrantes deste colectivo.

A  formadora explica que é necesario tratar problemáticas coas que a Policía Local se pode atopar no día a día e con esta xornada coñecerán os mellores métodos para enfrontarse a estas situacións.

Paloma Castro, concelleira de  Igualdade, indica que esta actividade, promovida a través da iniciativa Pinto e Maragota, se destina tanto a persoal da Policía Local como para integrantes do Centro de información á Muller (CIM) e dos Servizos Sociais do Concello. A intención é poñer especial atención a como tratar ás vítimas dos delitos de odio e analizar todos os dereitos do colectivo LGTBIQ+.