A Alianza Social Galega maniféstase por Pontevedra para pedir outras solucións á crise

Pontevedra
28 de febreiro 2014

A marcha apoiada por numerosos colectivos sociais e á que acudiron os afectados polas preferentes contou coa participación dos alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, ademais do tenente de alcalde, Antón Louro, e o deputado socialista Guillermo Meijón

Manifestación da Alianza Social Galega Diego Torrado

As rúas de Pontevedra acolleron unha nova manifestación de protesta, nesta ocasión organizada polo colectivo Alianza Social Galega que agrupa diversas organizacións sindicais, veciñais, culturais e profesionais. A protesta encabezada polos líderes comarcais dos tres sindicatos, Marcos Conde de CIG, Ramón Vidal de UGT e José Luis García Pedrosa de CC.OO. presentaba unha pancarta na que se reclamaba "outra saída á crise".

Centos de persoas secundaron a marcha polas rúas de Pontevedra coa presenza destacada de membros da Plataforma de afectados polas preferentes, ademais doutros colectivos rechamantes como o das asociacións de pacientes a favor da Saúde Pública e en contra da privatización da Sanidade.

Á marcha sumáronse tamén os alcaldes nacionalistas de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, ademais do tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro que ía acompañado do deputado socialista Guillermo Meijón.

A manifestación transcorreu, sen incidentes, polo centro de Pontevedra ata finalizar na Praza de España. Os convocantes querían mostrar con esta protesta a desconformidade cos numerosos recortes económicos e sociais que aplican tanto o Goberno autonómico coma o central, a privatización da educación e da sanidade, a reforma da lei hipotecaria, o proxecto de lei sobre o aborto ou a corrupción política.