A area depositada na Carabuxeira na primavera de 2021 logrou fixarse na praia

Sanxenxo
21 de xullo 2022

Os datos déronse a coñecer esta semana durante unha comisión de seguimento na que estiveron representados Nauta Sanxenxo, Costas do Estado e Portos de Galicia. As mareas do inverno distribuíron a area de forma diferente á depositada inicialmente polas máquinas, deixando algunhas zonas con menos volume de area

Praia da Carabuxeira o 21 de xullo de 2022
Praia da Carabuxeira o 21 de xullo de 2022 / Concello de Sanxenxo

Os estudos de batimetría e topografía realizados na praia da Carabuxeira antes e despois do depósito de case 10.000 metros cúbicos de area realizado na primavera de 2021 revelan que finalmente esa achega logrou fixarse. 

Segundo informou o Concello de Sanxenxo, os datos déronse a coñecer esta semana durante unha comisión de seguimento na que estiveron representados Nauta Sanxenxo, Costas do Estado e Portos de Galicia.

Os estudos permiten concluír que as mareas do inverno distribuíron a area de forma diferente á depositada inicialmente polas máquinas, deixando algunhas zonas con menos volume de area.

En concreto, o informe detalla que durante este pasado inverno desprazáronse uns 1.450 metros cúbicos da zona central da praia da Carabuxeira cara a parte oeste. Isto prodúcese debido a que a escasa entidade de area na praia permite que as fortes ondadas de temporais pasen por encima do dique, movendo os sedimentos cara á parte do regacho.

O pasado mes de xuño, para preparar a praia para o verán, elevouse o perfil da praia con 2.100 metros cúbicos de area e rexenerouse, por primeira vez, Lavapanos con 2.300 metros cúbicos.

A empresa municipal Nauta Sanxenxo pagou estes traballos, que tiveron un custo de 50.000 euros. En total, ata o de agora leva investido nesta praia  173.000 euros.

A comisión continúa facendo seguimento da tramitación a fase final do proxecto de rexeneración definitivo dos areais da Carabuxeira e Lavapanos, que contempla a construción dun espigón de rampla en sentido perpendicular ao litoral e que se executará unindo as rocas existentes, con case 100 metros de longo por 2,34 de ancho. O futuro espigón será a solución definitiva para evitar a perda de area nestas praias.