A Área Sanitaria despide a 12 residentes e incorpora outros 51

Pontevedra
06 de maio 2024

O acto de promoción de Residentes da Área Sanitaria acolleu sendas conferencias maxistrais da directora do Instituto de Investigación Sanitaria 'Galicia Sur', Eva Poveda López e do director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, o doutor Angel Carracedo Álvarez

Recepción oficial da promoción 2023-2024 de 51 residentes Sergas

Este luns tivo lugar o acto de recepción oficial da promoción 2023-2024 de 51 residentes e na despedida oficial da promoción 2023-2024 de 12 residentes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrada no salón de actos do Hospital Montecelo.

Neste acto, o xerente da Área, José Manuel Flores, salientou o "estigma benigno e de calidade" que reporta para a sociedade a incorporación de novos efectivos ao Sistema Sanitario Público de Galicia, que refrendan a continuidade do proceso de avances asistenciais.

Tanto o xerente coma o presidente da Comisión de Docencia de Pontevedra e O Salnés, o doutor Luís Anibarro García e o xefe de estudos de Medicina Familiar e Comunitaria o doutor Alvaro Rodríguez Pomares, deron a benvida nas súas intervencións a estes 51 residentes e subliñaron que o SERGAS segue a formar novos profesionais nun mundo sanitario en permanente cambio, onde os progresos tecnolóxicos son constantes e motivadores.

Destes 51 novos residentes, 17 son médicos de familia, 2 son matronas, 28 son especialistas hospitalarios, 1 psicólogo clínico, 1 farmacéutico hospitalario, 1 microbiólogo-parasitólogo e 7 enfermeiras tanto de familia coma de Pediatría, de saúde mental e obstétrico-xinecolóxica.

Este acto tamén acolleu dúas conferencias maxistrais: unha delas a cargo da directora do Instituto de Investigación Sanitaria ´Galicia Sur´, Eva Poveda López, que falou da abordaxe integral dos retos de saúde que teñen os institutos de Investigación sanitaria. 

Así mesmo, o director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo Álvarez impartiu unha conferencia que, baixo o título “Estratexia Galega de Medicina Personalizada”, abordou os retos actuais e futuros da medicina de precisión no sistema sanitario, cara a garantir a súa implantación de forma planificada, ordenada e equitativa.

Brindouse tamén a homenaxe de despedida de 15 Especialistas -2 matronas, 5 especialistas hospitalarios, e 8 enfermeiras, tanto de familia, coma de pediatría e de psiquiatría- que remataron a súa formación nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés, que recibiron os seus certificados acreditativos.

Cómpre sinalar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun total de cinco prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nas especialidades de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dermatoloxía, Medicina Interna e Psiquiatría. A Área Sanitaria conta con acreditación docente para formar matronas, enfermaría de Familia, enfermaría de Pediatría, enfermaría de Saúde Mental, especialistas en Medicina Familiar e imparte docencia nun total de 24 especialidades hospitalarias.

Así mesmo, esta Área dispón dun total de 81 titores -35 deles imparten docencia no eido da Atención Primaria, 31 forman en Atención Hospitalaria e 15 titores aportan docencia e formación no eido da Enfermaría-.