A asemblea da Policía Local pide a dimisión do concelleiro Vicente Legísima

Pontevedra
26 de abril 2018

Alegan que o concelleiro de Persoal está "mentindo" sobre a negociación coa Policía Local. Solicitarán un encontro co alcalde de Pontevdra ao que pedirán a dimisión do concelleiro e anuncian un calendario de protestas durante o mes de maio

Representantes sindicales da policía local Alejandro Vila

Antonio Millares, José Manuel Duarte, José Moldes González e Maite Maquieira, representantes sindicais de CC.OO., CIG e UXT, solicitaron en nome da asemblea da Policía Local a dimisión do concelleiro de Persoal do Concello de Pontevedra, Vicente Legísima García. 

A causa desta petición é que os representantes sindicais na Policía Local entenden que o concelleiro está a mentir acerca da negociación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e se "senten insultados".

Este xoves, Millares, delegado de CC.OO., relataba todo o proceso relacionado con este tema sinalando que a finais de 2017 entregábaselles aos sindicatos o documento elaborado por unha empresa privada sobre a RPT, por un prezo de 40.000 euros. Este documento que para os representantes dos traballadores xa estaba "recauchutado" entenden que tampouco é do gusto do goberno local e, por este motivo, agora tenta negociar por colectivos, de forma sectorial, algo ao que meses atrás negábase.

"É a mesma técnica de Alfonso Rueda no tema da xustiza", apuntou Millares facendo alusión á actitude do vicepresidente da Xunta no conflito cos funcionarios da administración de xustiza en comparación coa de Vicente Legísima a quen acusou de incendiario por tentar enfrontar ao persoal da Policía Local co resto de funcionarios municipais.

Sinalan que a cifra de 2.400 euros de incremento salarial anual que Legísima indicou que demandan non é a real e que existen casos diferentes dentro da Xefatura de Policía municipal, polo que o correcto sería aterse ao que marca o documento encargado polo goberno de Fernández Lores. José Manuel Duarte, delegado de CIG, sinala que a oferta económica prevista polo Concello "non satisfai a ninguén". Neste sentido, Antonio Millares afirmou que existe un ambiente "malo" no persoal da Policía Local debido á retirada de descansos de maneira sistemática. 

Ante esta situación, pedirán unha reunión directa co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para reclamar a dimisión de Vicente Legísima. Ademais anuncian que iniciarán unha campaña de protestas durante o mes de maio, que arrincará ás portas do Recinto Feiral antes da cea mulitudinaria que ten previsto levar a cabo o BNG o próximo 4 de maio.

Este venres celebrarase unha asemblea ás 13.30 horas na que os funcionarios do Concello debaterán sobre a Relación de Postos de Traballo e decidirán se adoptan algunha medida en contra da negociación que se está levando a cabo por parte do goberno local.