A asociación veciñal 'Combarro', molesta polo silencio do Concello no proxecto de reforma da PO-308

Poio
26 de xullo 2019

O presidente do colectivo critica a falta de trasparencia da xestión municipal e o silencio sobre unha posible posta en común de todas as alegacións ao proxecto de reforma do tramo que a Xunta realizará desde a rotonda de Fontenla ata o Covelo

Visita da conselleira Ethel Vázquez a revisar en Raxó as obras na PO-308 PontevedraViva

Valentín Silva, presidente da asociación veciñal 'Combarro' do  Concello de Poio, mostrou o seu malestar nun escrito sobre a forma en que está a proceder o goberno municipal de Poio en relación ao movemento veciñal. Sinalan que faltan reunións e non se contesta aos numerosos escritos con demandas. En concreto, fan referencia ao proxecto de reforma da PO-308 que acomete a consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

A asociación presentara en novembro de 2018 un total de 33 alegacións a este proxecto, no tramo que vai desde a rotonda de Fontenla ata O Covelo. Pola súa banda, o Concello fixera 12 alegacións, segundo manifestan desde este colectivo, que quere saber que seguimento se está a realizar a estes recursos e se é posible realizar unha posta en común de todos eses escritos.

Reclaman do goberno tripartito de Poio explicacións sobre este proxecto e que asuma responsabilidades políticas para coñecer de primeira man como se vai a desenvolver esta obra de relevancia para a seguridade viaria dos veciños desta contorna.