A Audiencia de Pontevedra rebaixa as penas a dous condenados por delitos sexuais ao aplicar a lei do "só si é si"

Pontevedra
16 de decembro 2022

Dúas seccións da Audiencia Provincial de Pontevedra emitiron este venres dous autos nos que acordaron rebaixar as penas, no marco da execución das sentenzas, a dous condenados por delitos sexuais, os cales solicitaron a revisión como consecuencia da entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual , coñecida popularmente como lei do "só si é si"

Audiencia Provincial de Pontevedra Cristina Saiz

Dúas seccións da Audiencia Provincial de Pontevedra emitiron este venres dous autos nos que acordaron rebaixar as penas, no marco da execución das sentenzas, a dous condenados por delitos sexuais, os cales solicitaron a revisión como consecuencia da entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual , coñecida popularmente como lei do "só si é si".

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rebaixou nun ano -de oito a sete- a pena de prisión imposta en xullo de 2011 a un condenado por violar á súa esposa en 2008. 

O tribunal explica no auto que tanto a Constitución como o Código penal "autorizan a revisión de penas dunha maneira xeral cando a nova lei é máis beneficiosa para o reo, como asegura que sucede neste caso".

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tamén rebaixou -de seis a catro anos de cárcere- a condena imposta a un autor dun delito de agresión sexual. 

Os maxistrados indican na resolución que o Código penal aplicado na sentenza "contemplaba a pena para o delito de agresión sexual de 6 anos a 12 anos, impoñéndose ao condenado a pena mínima prevista no tipo penal". 

Coa entrada en vigor da Lei 10/2022, segundo indica a Audiencia, a pena mínima coa que o lexislador castiga o delito previsto e penado nos artigos 178 e 179 do Código penal "non é de 6 anos, senón que pasou a ser de 4 anos, razón pola que resulta máis favorable para o reo".

A sala incide en que o penado "ten dereito a que se lle aplique a norma máis beneficiosa, aínda que sexa posterior ao momento de ditarse a sentenza que o condenou".  Ademais, ordena no auto que se practique a nova liquidación de condena, conforme os novos termos.