A Audiencia de Pontevedra, un edificio máis eficiente que reduce un 11% as emisións de CO2 e un 18% o consumo enerxético

Pontevedra
13 de abril 2021

O director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, e o delegado territorial en Pontevedra, Luís López, visitaron o edificio xudicial e coñeceron o resultado das actuacións de mellora de eficiencia enerxética levadas a cabo por importe de máis de 287.000 euros 

Juan José Martin, Luis López e Francisco Javier Menéndez Estébanez, na Audiencia Provincial Mónica Patxot

O edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra, ubicado na rúa Rosalía de Castro e sede de varios órganos xudiciais, acaba de converterse nun inmoble con cualificación enerxética C e que vai reducir as emisións de CO2 nun 11,4% e o consumo enerxético global das instalacións, un 18%.

Así o deu a coñecer este martes o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, que visitou o edificio xudicial acompañado do delegado territorial en Pontevedra, Luís López. O motivo da visita foi o primeiro encontro institucional do novo delegado da Xunta coas máximas autoridades xudiciais da provincia, pero aproveitou para coñecer o resultado das actuacións de mellora de eficiencia enerxética levadas a cabo no edificio. 

Martín e López reuníronse primeiro xunto co presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez, e logo co fiscal xefe, Juan Carlos Aladro

En relación coa mellora da eficiencia enerxética, explicou que as obras remataron en marzo despois de realizar un investimento de máis de 287.000 euros que forma parte do Plan de Eficiencia Enerxética nos edificios xudiciais galegos -en total, o orzamento supera os seis millóns-.

As actuacións realizadas converteron a sede xudicial nun edificio máis eficiente a nivel enerxético porque reduce o escape de calor e a entrada de frío a través do cambio de 55 fiestras de madeira e a reparación e pintado de 111 contraventás, así como na mellora das fiestras e falsos teitos.

Ademais, o consumo enerxético redúcese porque se instalaron 740 lámpadas led e 461 luminarias. Esta modificación do entramado eléctrico supuxo renovar máis de 1.200 puntos de luz, toda a iluminación interior da Audiencia e facelo dun xeito intelixente, de maneira que, tal e como explicou Martín, "a partir dunhas horas se non hai movemento, a luz descende".

Durante a súa visita, e en declaracións aos medios de comunicación, o director xeral deu a coñecer que este ano 2021 a Xunta tamén ten pensado realizar outra actuación neste mesmo edificio xudicial dentro da partida orzamentaria de obras menores. Será a reforma de catro despachos na segunda planta do edificio. 

O edificio que alberga catro seccións da Audiencia Provincial quedou con ocos baleiros unha vez que os Xulgados do Social se trasladaron ao novo edificio xudicial da Parda. Martín explicou este martes que eses ocos "están en espera de posibles necesidades", pero a Xunta non ten ningún "proxecto inmediato de ocupación". Si está en estudo posible utilización de algún dos espazos como arquivo provincial.