A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra denegou revisar a pena de dez anos de cárcere imposta ao autor dun delito continuado de abuso sexual cometido sobre persoa menor de trece anos con introdución vaxinal de membros corporais e aproveitando unha situación de prevalecemento.
O rexeitamento á revisión da condena prodúcese en aplicación da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, coñecida popularmente como lei do "só si é si".
As maxistradas explican que tanto a Constitución como o Código Penal "autorizan a revisión de penas dunha maneira xeral cando a nova lei sexa máis beneficiosa para o reo", pero subliñan que, neste caso, "a nova redacción dos preceptos aplicables conlevaría a imposición dunha pena privativa de liberdade superior á imposta, de onde se conclúe que non procede a revisión solicitada".