A avespa asiática sae do seu letargo invernal, é o momento de actuar

Pontevedra
26 de abril 2018

A Deputación asinou un convenio coa Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) por valor de preto de 36.000 euros para un novo programa de divulgación sobre a especie

Saída para colocar trampas para a eliminación da vespa velutina en varios puntos de Barro
Saída para colocar trampas para a eliminación da vespa velutina en varios puntos de Barro / Concello de Barro

Coa primavera regresa a avespa asiática (vespa velutina). Tras o letargo invernal, cada raíña, fertilizada, soa, comeza a creación dunha nova colonia para o que construirá un niño primario no que poder empezar a criar as primeiras avispas obreiras. Este é o mellor momento para poer trampas e capturar ás raiñas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este xoves co secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo, un convenio por 36.000 euros para realizar un programa de divulgación sobre a avespa velutina.

A través do convenio vaise realizar unha exposición itinerante nas feiras da provincia e mediante un stand no que se difundirá información sobre a praga e os seus efectos, se repartirán trampas artesanais e aclararán dúbidas de xeito personalizado. Amais, vanse organizar dúas xornadas técnicas sobre a avespa velutina impartidas por persoas con experiencia e coñecemento a especie.

Jacobo Feijóo incidiu na importancia "da loita contra esta especie exótica que está a afectar en grande medida ao noso ecosistema, ás nosas froitas e abellas, e tamén ocasionando unha carga adicional de traballo para protección civil, que están a ter moitas máis saídas para retirar niños de velutinas".

Carmela Silva aproveitou a ocasión para instar á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias "ante o gravísimo problema da avespa velutina" que está a xerar unha "enorme alarma social" e a ocasionar graves danos ao Medio Ambiente.

Finalmente, o secretario de ASEFOGA puxo en valor o traballo que está a desenvolver a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, "a primeira en dar alertas e tamén a primeira en aportar solucións nesta e noutras pragas".

Arquivado en