A bandeira multicor ondea en Pontevedra para conmemorar o Orgullo LGTBI

Pontevedra
28 de xuño 2017

O Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se conmemora este 28 de xuño en todo o mundo, tamén se celebra en Pontevedra. A bandeira arcoíris, que identifica a este colectivo, ondea xa nos balcóns da casa consistorial da Praza de España e, por primeira vez, da Deputación de Pontevedra ou en Ponte Caldelas

Bandeira multicor na Casa Consistorial con motivo do Orgullo LGTBI
Bandeira multicor na Casa Consistorial con motivo do Orgullo LGTBI / Mónica Patxot

O Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se conmemora este 28 de xuño en todo o mundo, tamén se celebra en Pontevedra. A bandeira arcoíris, que identifica a este colectivo, ondea xa nos balcóns da casa consistorial da Praza de España e, por primeira vez, da Deputación de Pontevedra.

A primeira en izarse foi a do Concello de Pontevedra. Foi nun acto presidido pola alcaldesa en funcións, Carme Da Silva. Iso si, con sorpresa. En lugar da tradicional bandeira multicolor, o goberno municipal optou por colgar do balcón seis paraugas, un por cada cor presente nesta insignia.

Esta homenaxe presidirá o balcón consistorial durante os próximos días e enmárcase dentro da programación deseñada para conmemorar o Orgullo LGTBI en Pontevedra.

Pola súa banda, a Deputación sumouse por primeira vez na súa historia a este acto conmemorativo, colgando a bandeira do seu balcón principal ata o vindeiro domingo.

Tras o seu izado, Carmela Silva destacou que esta decisión é un "grito na defensa da diversidade e igualdade de todas as persoas", unha mensaxe que buscan enviar a toda a cidadanía. Numerosos deputados do PSdeG-PSOE e o BNG participaron neste acto.

A presidenta reiterou o "compromiso" que a entidade provincial ten coa defensa da igualdade de todas as persoas e destacou que "énchenos de dignidade" colgar a bandeira na fachada do Pazo Provincial.

PONTE CALDELAS TAMÉN IZA A BANDEIRA

Outros municipios da comarca, como Ponte Caldelas, tamén se sumaron a esta celebración. Tamén por primeira vez nun edificio público loce este distintivo de tolerancia sexual, rexeitando calquera tipo de discriminación.

O goberno municipal optou por izala no Centro Cultural para darlle unha maior visibilidade, ao estar situado á beira da Alameda e porque entenden que as bandeiras oficiais do Concello "diluiría o simbolismo" que queren outorgan a este acto.