A Boa Vila recibe como reis ás súas Maxestades Baltasar, Gaspar e Melchor

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

Os Reis Magos xa están en Pontevedra e a ilusión dos máis pequenos desbordou a cidade. Melchor, Gaspar e Baltasar, como é habitual todos os anos, quixeron recibir as últimas peticións dos nenos e nenas nunha recepción oficial que se celebrou no Pazo de Mugartegui, horas antes da tradicional cabalgata

Recepción aos Reis Magos no Pazo de Mugartegui Mónica Patxot

A Boa Vila recibiu de xeito oficial a Baltasar, Gaspar e Melchor nunha recepción oficial que se celebrou no Pazo de Mugartegui.

Pontevedra avanza un chanzo máis na normalidade post-pandemia logo de recuperar a tradicional recepción aos Reis Magos. Desta vez, neste 2023, as crianzas si puideron achegarse até as Súas Maxestades; facer cadansúas peticións e logo coller caramelos á espera de volver velos pola tarde na Cabalgata.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, déronlle a benvida aos Reis e ao séquito real na súa chegada ao Pazo, unha acción non exenta de ‘dificultade’ por mor dos centos de nenos, pais e avós, que trataban de saudar e deixar constancia do encontro con algún deles cun rápido retrato fotográfico.

O rexedor da cidade estivo atento con eles, desexándolles que tivesen unha boa xornada hoxe na Boa Vila, na que deberán percorrer miles de fogares para poder cumprir co seu labor. Previamente, pasearán polas rúas de Pontevedra, na Cabalgata tradicional de Reis, que comezará ás 18 horas, na avenida de Lugo e repartirá máis de dúas toneladas de caramelos sen gluten entre os espectadores da mesma.

A cabalgata dos Reis Magos será unha festa en toda regra. Música, animación, caramelos, sorrisos... Até seis carrozas de gran tamaño circularán polas rúas da cidade con motivos variados, que se moven entre as películas e series de animación ou o mundo animal. 

Deste xeito, Zona Monumental participará coa carroza Tigre Siveriano; Avícola de Galicia cunha de Pocahontas, Supermercados Froiz coa de Dragon Ball, para logo Melchor, Gaspar e Baltasar ter cada un o seu correspondente transporte desde o que ofrecer caramelos e saúdos.

Porén, as carrozas son só unha parte desta festa. Os seis transportes estarán acompañados de máis de dúas decenas de grupos e propostas de animación creados por diferentes colectivos e agrupacións como Rivel Animación, Barafunda, Art-Monium, Troula ou Pablo Méndez. Por suposto, a música tamén estará presente coas actuacións da charanga Airiños de San Martiño, o grupo folclórico Pola Vila, Duos Pontes ou os Fervellos do Pío.

Cómpre lembrar que os camelos presentes durante o percorrido non serán reais —ou non serán seres vivos—, e desde o Concello tamén se indica que ningún animal será utilizado durante a cabalgata.