A Boa Vila súmase a 'Love your local market'

Pontevedra
27 de maio 2016

Na celebración ponse o foco na calidade e a profesionalidade das prazas galegas e o seu papel como motor do comercio de proximidade

Promoción do mercado de Pontevedra Xunta de Galicia

Preto de 40 prazas de abastos da provincia de Pontevedra celebran este sábado día 28 de maio o Día dos Mercados, no marco da campaña internacional Quere o teu mercado local (Love Your Local Market) que en Galicia impulsa a Xunta en colaboración co sector e os concellos.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que visitou este xoves a praza de abastos pontevedresa, sinalou que a provincia está a ser a máis activa nunha iniciativa que chega nesta edición a preto de 90 mercados de toda a comunidade.

Ao longo das últimas semanas lévanse realizado actividades nos diferentes mercados que culminarán pasado mañá cunha celebración coa que se pon o foco na calidade e a profesionalidade das prazas galegas e o seu papel como motor do comercio de proximidade.

Entre as distintas actividades que se están a celebrar por toda Galicia inclúense degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros.

CAMPAÑA INTERNACIONAL

Quere o teu mercado local (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Estados Unidos e Canadá.

A iniciativa leva nesta edición a nivel internacional o lema Mercados, a túa opción saudable!, facendo fincapé sobre a contribución das prazas de abastos tanto a unha alimentación equilibrada como á creación de riqueza e emprego.