A calidade das augas das praias Poio conseguen os mellores resultados do último lustro

Poio
11 de xuño 2021

O areal de Raxó consegue alcanza por primeira vez o nivel de excelente, mentres que a de Ou  Laño sobe de apta a boa

Oito areais de Poio forman parte da rede Praias sen Fume do Sergas
Oito areais de Poio forman parte da rede Praias sen Fume do Sergas / Concello de Poio

As praias de Poio inician a temporada estival nuns niveis máximos de excelencia no que á calidade das augas se refire. Así consta nun informe técnico do que dispón a Concellería de Medio Ambiente que constata que se obtivo a máxima puntuación en 14 dos 15 areais existentes no municipio que están habilitados para o baño.

Este documento elabórase tendo en conta as análises realizadas unha vez finalizado o exercicio anterior. No mesmo, os exames realizados polos especialistas constatan un aumento de mellora da calidade da auga na praia de Raxó, que vén de acadar, por primeira vez desde hai máis de cinco anos, o nivel de excelente.

Cómpre lembrar que estas análises distinguen catro niveis diferentes: excelente, boa, suficiente e non apta para o baño. Lembra o concelleiro Xose Lois Martínez que no 2016 as probas realizadas determinaron que, de xeito temporal, o areal de Raxó non fose recomendable para o baño. “Desde entón, as actuacións impulsadas polo Concello serviron para que a evolución da calidade da auga nesta praia, unha das máis coñecidas do municipio, fose moi positiva”, sinala o titular de Medio Ambiente.

Outra praia que tamén experimenta unha mellora no que á calidade do baño se refire é a do Laño, na parroquia de Samieira. Así, por primeira vez desde hai varios anos, a auga pasa ser definida como boa. “En tempadas anteriores, O Laño era apta para o baño, pero agora conseguimos dar un paso máis alá”, celebra Martínez, que  incide en que os resultados son “os mellores do último lustro”.

As praias con nivel de excelente na calidade da súas augas son Xiorto, Raxó, Sinás, Fontemaior, O Laño, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido e Cabeceira. Esta última lucirá un ano máis a bandeira azul outorgada pola Asociación da Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).

Tanto Cabeceira como Xiorto disporán de socorristas. Actualmente o Concello ultima o proceso de contratación dos seis profesionais que, durante tres meses, velarán pola seguridade dos e das bañistas destes areais.

Por outra banda,o Concello de Poio participa por cuarto verán consecutivo no programa Praias sen Fume impulsado polo Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de promover unha vida sen tabaco. Nesta ocasión, son oito os areais incluídos nesta iniciativa: Xiorto, O Laño, Cabeceira, Covelo, Lourido, Raxó, Area da Barca e Sinás.