Poio dá a benvida ao verán co izado da bandeira azul na praia de Cabeceira

Poio
01 de xullo 2021

O alcalde Luciano Sobral presidía este acto no que anunciaba que este verán estará marcado polos "históricos resultados" obtidos no que á calidade das augas de refire, xa que as análises constataron que 14 das 15 praias do municipio alcanzaron o nivel máximo nas probas

Izado da bandeira azul na praia de Cabeceira, no Lugar de Lourido (Poio)
Izado da bandeira azul na praia de Cabeceira, no Lugar de Lourido (Poio) / Concello de Poio

A tempada de verán quedou este xoves estreada de xeito oficial no concello de Poio co acto de izado da bandeira azul na praia de Cabeceira, no lugar de Lourido.

O alcalde Luciano Sobral presidiu o acto de colocación da bandeira. O areal poiense leva xa desde hai máis dunha década acadando, de xeito consecutivo, este distintivo, que acredita a dotación de servizos e a calidade de máxima excelencia das augas e que xestiona a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac).

O rexedor manifestaba que esta tempada de verán estará marcada polos "históricos resultados" obtidos no que á calidade das augas de refire, toda vez que as análises realizadas a finais do exercicio pasado constatasen que 14 das 15 praias do municipio acadaron o nivel máximo nas probas.

Deste xeito, contan con calidade excelente Xiorto, Raxó, Sinás, Fontemaior, O Laño, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido e Cabeceira. Sobral fixo especial fincapé na importancia de que Raxó recuperase estes niveis de excelencia, despois de case un lustro, así como a suba na mellora da auga no Laño, que este ano está catalogada como boa.

Ademais do izado da bandeira azul, o encontro tamén serviu para presentar aos socorristas que traballarán tanto na propia praia de Cabeceira como na de Xiorto, na parroquia de Raxó. Trátase de seis incorporacións de persoas que se atopaban en situación de desemprego e que comezan o seu traballo este mesmo día 1 de xullo e ata finais do mes de setembro.

Ademais destas contratacións, Luciano Sobral destacou o labor que se vén realizando nas últimas semanas na posta a punto das praias para que estean en perfectas condicións para acoller á veciñanza e aos numerosos visitantes que escollen Poio como lugar de vacacións.