A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía advertiu este martes que o peche da fábrica que Ence en Pontevedra, tras a anulación da súa prórroga para ocupar terreos de Costas, sería un "enorme retroceso" para Galicia.
A entidade cameral asegura que a desaparición desta industria afectaría á "vella aspiración" de que Galicia conte cunha cadea de valor "completa e sólida" no sector da transformación da madeira.
"Perder un piar fundamental nesta aspiración, sen que se prevexa alternativa a medio prazo, supoñería un tremendo golpe para a economía de Pontevedra", afirma a Cámara.
A patronal quixo deixar patente a través dun comunicado a súa "profunda preocupación" polas "tremendas consecuencias" que, ao seu entender, provocaría o peche de Ence, tanto en emprego directo como na produción forestal ou o sector loxístico e de transporte.
A "posible desaparición" da fábrica de Pontevedra "comprometería a viabilidade", segundo a Cámara de Comercio, de "numerosas" explotacións forestais, empresas dedicadas á intermediación da madeira, empresas de transporte e de servizos vinculados á actividade.
Ademais, consideran que isto supoñería un incremento no risco de abandono dunha "parte moi importante" da superficie arborizada de Galicia, xa que, ante a ausencia de rendibilidade, "diminuiría o coidado e aumentaría o risco de incendios asociado"
Por iso, a Cámara fai un chamamento a todas as administracións e actores implicados para atopar unha solución "economicamente viable e tecnicamente satisfactoria" que permita a continuidade dunha actividade que resulta "irrenunciable" para Galicia.