O Concello de Pontevedra continúa adiante coa campaña de mellora urbana e ambiental nos barrios coa reparación da praza da Praia de Estribela e xa prepara as primeiras actuacións na praza das Regas.
O concelleiro responsable dos Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda trasladouse nestes días ao barrio de Monte Porreiro para coñecer sobre o terreo a demanda da Asociación de veciños "O Mirador".
Esta visita obedece ao encontro que recentemente vén de manter o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores cos representantes veciñais do barrio que acaban de asumir as rendas deste colectivo. Naquel encontro de presentación, o alcalde xa lles trasladara a súa satisfacción porque haxa unha asociación dinamizando o barrio e por poder ter unha interlocución fluída.
Seguindo o mandato do alcalde, Xaquín Moreda percorreu o barrio acompañado dun dos portavoces da nova directiva da asociación para coñecer as propostas que fan en materia de mantemento dos espazos públicos.
A poda de árbores, rozas en distintos puntos do barrio, reforzo da limpeza viaria, revisión na colocación dalgúns colectores a petición dos veciños, son algunhas das propostas recollidas polo concelleiro que, segundo comprometeu, se irán implementando.
A intención da Concellaría é aproveitar as sinerxías dos distintos servizos municipais implicados para actuar de xeito global zona a zona.