A campaña Efecto PO2 chegará aos máis pequenos

Pontevedra
12 de novembro 2020

A concellería de Promoción da Cidade preparou dous materiais para os escolares: unha unidade didáctica onde se recollen accións vencelladas coa loita contra o cambio climático e unha curtametraxe realizada polo xornalista Rodrigo Cota e o creador de animación en 3D Jorge Costas

O xornalista Rodrigo Cota, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o creador de animación en 3D Jorge Costas Mónica Patxot

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaba este xoves os materiais didácticos da campaña Efecto PO2, que vén desenvolvendo o Concello de Pontevedra a través de accións de concienciación para apoiar a loita contra o cambio climático.

"Dende o principio deste mandato, encamiñamos unha estratexia, recollida no nome Efecto PO2, que trataba de seguir poñendo a Pontevedra no mapa, e combinando algunhas cuestións que criamos que merecían, e máis neste momento de loita contra o cambio climático, un resaltado especial", manifestaba a concelleira.

De cara o futuro, Gulías manifestaba que está en marcha un plan ambicioso de xestión de residuos urbanos e dos recursos hídricos, co novo contrato da auga, e ademais séguese a traballar no plan de transporte a demanda.

Sen descartar a importancia da repercusión a nivel internacional que o programa ten, a concelleira incidía en que o obxectivo agora do Concello é dar a coñecer á cidadanía todas as medidas que se están levando a cabo dentro da campaña Efecto PO2 e facela partícipe.

Neste senso, e pensando nos máis pequenos, Gulías adiantaba que se deseñaron "dous materiais específicos para as crianzas pontevedresas. A primeira delas é unha unidade didáctica, destinada ao primeiro ciclo de primaria" onde se recollen accións vencelladas coa loita contra o cambio climático divididas en tres bloques: ecoloxía, compostaxe e xestión da auga. Como incentivo para os escolares, aqueles que superen as actividades propostas na unidade didáctica serán recompensados coa 'tarxeta PO2' e un diploma en recoñecemento ao seu compromiso co planeta.

O segundo material que se presenta como novidade dentro da campaña Efecto PO2 é unha peza audiovisual, do mesmo título, realizada polo xornalista Rodrigo Cota e o creador de animación en 3D Jorge Costas.

Rodrigo Cota lembraba que este foi un traballo moi agradecido pola mensaxe que se transmite e polo feito de constatar que "os nenos están moito máis concienzados do que pensamos co cambio climático, as emisións de CO2...". A creación deste vídeo inspirouse no lema "pensa globalmente, actúa localmente" a través da historia dunha nena que ten que convencer ao seu pai que reciclar e coidar o planeta paga a pena.

Colaboran na locución e poñendo voces á canción desta curtametraxe a animación mulleres vencelladas á cultura pontevedresa coma Mariña Paz, vocalista de Furious Monkey, a cantautora Cora Velasco, a activista do animalismo Mar Seaxá, a libreira Mercedes Corbillón, a actriz teatral Carmela Chaos, así coma a xornalista Susana Pedreira. A música orixinal é obra do compositor Cristian Franganillo con letra de Cota e Costas.