ARedeira.gal é unha forma de xuntar á xente, así explica Anabel Gulías, concelleira responsable de Promoción da Cidade, o proxecto que se puxo en marcha como espazo colaborativo que parte da creación dunha rede social con propostas de oportunidades e para que a cidadanía estableza vínculos e poida crear conexións de confianza con outras persoas e outros colectivos.
Mariém Filgueira, responsable deste proxecto, presentaba con Anabel Gulías a iniciativa que se probou nos últimos meses e que xa conta con preto de 200 persoas usuarias que teñen a opción de realizar axudas de maneira individual, solicitar axuda a varias para que proben un determinado proxecto ou tamén que varias persoas da rede acheguen propostas a alguén que o precise.
Rexístranse ofertas de cursos, consultas sobre cuestións de saúde, compártense ferramentas como, por exemplo, un trade; realízanse solicitudes de espazos para desenvolver cursos ou charlas e xa está a ser utilizado por integrantes de colectivos como a Asociación de Mulleres Rurais 'Amarinda' de Mourente que conta cun club de lectura, segundo explicou Anabel Gulías. Pola súa banda, Mariém Filgueira afirmou que a idea é trasladar á actualidade o sistema colaborativo que tiñan xeracións anteriores.
Para formar parte de ARedeira.gal é necesario solicitar o ingreso a través dun correo electrónico a [email protected] ou establecer contacto telefónico a través do número 617 793 390. ARedeira tamén conta con contas en Instagram e Facebook.
Este proxecto inclúese dentro do Efecto PO2, un programa sobre desenvolvemento sostible coa idea de crear colaboracións. Gulías apuntou que esta proposta ten previsto que se realicen presentacións de actividades de asociacións no espazo físico no edificio municipal de Santa Clara, a partir do momento en que a situación sanitaria o permita.
Esta plataforma conta cun orzamento de 15.000 euros destinados á xestión e creación da aplicación, que contempla ademais a tutorización das persoas que ingresan nesta rede aberta a todas as temáticas e a toda a cidadanía coa idea de entrar en contacto con outros movementos similares fose de Pontevedra.