A Canicouva lamenta a "invasión" con fins electorais do PP e o PSOE do monte onde se proxecta a planta de compost

Pontevedra
27 de febreiro 2015

A Xunta de Montes da Canicouva sinala que a proposta dos terreos para instalar a planta de compostaxe foi consensuada e libre. E invita os opositores a coller fouciños para traballar os terreos que coa instalación da planta van limparse anualmente

Jacobo Moreira visita os terreos da futura planta de compost na Canicouva Partido Popular de Pontevedra

A Xunta de Montes da Canicouva volve manifestarse ante a polémica da instalación da planta de compostaxe para indicar que foi a propia parroquia, a directiva da Xunta de Montes co consenso unánime da asemblea de comuneiros os que tomaron a decisión "legal e libremente" de seleccionar a parcela no monte desta parroquia para a planta de elaboración de compost.

Indican que se trata dunha planta ecoloxicamente moi avanzada, asociada á mellora dos montes, cuberta, impermeable, sen posibilidades de fugas e que, ademais, terá augas controladas pola propia Xunta de Galicia. E, desta forma, engaden que "se nos quedase a máis mínima dúbida sobre a posibilidade de contaminación de augas, olores ou parecidos, non teriamos presentado a oferta".

Engaden que os ataques á decisión adoptada pola parroquia da Canicouva están a ser "tan inxustos como continuos". E apuntan que "esixir que non se faga a planta na Canicouva é pretender que non se efectivice unha decisión libre e soberana da parroquia" mostrando o seu malestar pola inxerencia aos asuntos internos da parroquia "absolutamente inadmisibles".

Desta forma critican o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, e destacados militantes do PP e do PSOE pola visita que realizaron a estes terreos nun acto que, segundo expoñen, "tivo todas as características dunha invasión, dunha toma de posesión e dominio dos montes da Canicouva, permitíndose a lixeireza de afirmar que van tomar a decisión de que non se faga a planta".

Neste sentido, dende a Xunta de Montes indícase que a planta proxectada non vai orixinar os prexuízos que inventan. Sinalan nun comunicado que os motivos desta actuación é "única e exclusivamente a politiquería barata en vésperas de eleccións".

A nota finaliza pedindo respecto e invitando aos que invadiron A Canicouva que "se queren facer campaña electoral a conta da Canicouva, ofrecémoslles os fouciños e demais ferramentas necesarias para que desbrocen unha superficie igual á que nos vai facer cada ano a planta. Poderían así coñecer o monte, facer intenso traballo físico e obter máis fotos de impacto para a campaña electoral".

Arquivado en