A casa consistorial, protagonista do calendario municipal para 2023

Pontevedra
14 de decembro 2022

Ata quince mil exemplares imprimíronse do calendario municipal que o Concello de Pontevedra editou para 2023. A protagonista deste ano é a antiga casa consistorial da Praza de España, inmersa na súa segunda gran reforma en 140 anos de historia

Calendario municipal para 2023 PontevedraViva

Ata quince mil exemplares imprimíronse do calendario municipal que o Concello de Pontevedra editou para 2023. A protagonista deste ano é a antiga casa consistorial da Praza de España, inmersa na súa segunda gran reforma en 140 anos de historia.

Ao igual que en anos anteriores, é un calendario de mesa con estampas históricas, planos antigos, ilustracións e fotografías actuais que reviven a historia do edificio.

Entre as imaxes antigas está a visita do presidente da República Niceto Alcalá Zamora á casa consistorial no ano 1934, unha imaxe da casa consistorial de 1920 da Heliotipia de Kalmayer y Gautier ou o antigo salón de plenos cos seus teitos decorados dos anos 40-50.

Tamén se recollen ilustracións sobre a construcción do Concello en 1879 ou como era a escaleira de forxa que proxectou o arquitecto Sesmero para o edificio, retirada na reforma dos anos 40 con motivo da visita de Franco á cidade.

Entre as curiosidades históricas tamén están os planos da "antiga casa do concello" levantados por Sesmero antes de derrubala para construír o actual edificio.

Sorprendentemente, no arquivo municipal soamente se conservan estes planos pero non os orixinarios da casa consistorial actual.

Entre as imaxes máis actuais están lugares pouco coñecidos e frecuentados pola veciñanza como o cuarto no que aínda se gardan as caixas fortes que custodiaban os pagos en efectivo do Concello, o baixocuberta ou a maquinaria do reloxo municipal que se pretende restaurar.

O lucernario e a campana situada sobre a cuberta de zinc, os panos pintados recentemente localizados nunha das paredes da planta superior do edificio ou distintas vistas aéreas da casa consistorial no contexto urbanístico da cidade completan o calendario. 

O calendario municipal pódese recoller dende hoxe na oficina de turismo municipal situada no edificio Churruchaos e tamén no vestíbulo de entrada no edificio administrativo de Michelena 30.