A CIG esixe o rescate da concesión do transporte sanitario programado de Pontevedra-O Salnés

Pontevedra
24 de novembro 2022

O comité de empresa de Ambulancias Civera denuncia a falta de material básico e o uso de vehículos que non pasaron a inspección sanitaria ou a ITV

Rolda de prensa da representación dos traballadores de Ambulancias Civera
Rolda de prensa da representación dos traballadores de Ambulancias Civera / CIG

A representación dos traballadores de Ambulancias Civera, concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e de traslados intrahospitalarios da área de Pontevedra-O Salnés, compareceu este venres en rolda de prensa xunto a Xavier Aboi, da CIG, para esixirlle ao Sergas que rescate a concesión "ante os graves e constantes incumprimentos por parte da empresa". 

En concreto, denuncian a falta de material básico ou o deterioro do existente e o uso de vehículos que non pasaron a inspección sanitaria ou a ITV.

Catro dos cinco delegados do comité (todos da CIG) denunciaron tamén "o deterioro das condicións laborais" desde que hai ano e medio a Xerencia da Área Sanitaria sacou "un concurso público deficitario" contratando a esta empresa dirixida desde Valencia. O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior concurso. 

En rolda de prensa acusaron á Xerencia da Área Sanitaria de contratar a actual concesionaria "a sabendas" de que o contrato é "deficitario" o que está, ao seu xuízo  "influíndo notablemente na asistencia a doentes, con esperas interminables nos seus tratamentos".

Afirman que Ambulancias Civera é unha empresa "totalmente desorganizada e sen coordinación, con falta de ideas, de criterio e de toma de decisións". Unha empresa, din, "que desde Valencia só viu especular, sen importarlle a calidade da atención aos doentes nin a profesionalidade do noso sector".