A CIG reclama a anulación das reformas laborais e da Lei Mordaza ante a Subdelegación

Pontevedra
10 de marzo 2016

Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, delegados sindicais da central nacionalista percorreron o centro de Pontevedra pedindo a negociación dos convenios colectivos dende Galicia

A CIG maniféstase con motivo do Día da Clase Obreira Galega Mónica Patxot

Con motivo da celebración do Día da Clase Obreira Galega, delegados sindicais da CIG, acompañados por representantes de Galiza Nova, levaron a cabo unha manifestación desde a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno de Pontevedra baixo o lema "Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!".

O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, dirixiuse aos afiliados na Subdelegación do Goberno indicando que as reformas desenvolvidas polo Partido Popular levaron á precarización das condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas.

Tamén denunciou a aplicación da coñecida como Lei Mordaza para impedir os movementos sociais de contestación ás políticas do goberno. Por este motivo, desde a CIG piden ao novo goberno que chegue á Moncloa a derrogación destas leis.

Ademais, Marcos Conde incidiu na necesidade de que as negociacións dos convenios colectivos se leven a cabo en Galicia e non en Madrid.