A comunidade escolar, convocada a saír á rúa contra as reválidas e a LOMCE

Pontevedra
25 de outubro 2016

Este mércores 26 vai desenvolverse unha xornada de folga educativa convocada para esa data polo alumnado e polo sector de pais e nais. En Pontevedra está prevista unha manifestación que partirá ás 18.00 horas da praza da Peregrina

Representantes da Plataforma polo Ensino Público PontevedraViva

Este mércores 26 de outubro está prevista unha xornada denominada "de loita" contra as reválidas e co obxectivo de que se derrogue a LOMCE, convocada polos estudantes e polas asociacións de nais e pais que se constatará cunha folga da comunidade educativa, desde infantil ata bacharelato, e cunha manifestación. Varios representantes da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia co presidente da FANPA de Pontevedra, Rogelio Carballo, e membros dos principais sindicatos expuxeron os motivos polos que leva a cabo esta convocatoria.

Sinalan que é necesario que a educación dos menores vaia dirixida a poder defenderse nunha sociedade que lles demandará creatividade, orixinalidade e innovación.

Cristóbal Salgueiro, de UXT, afirma que as reválidas impiden o acceso a determinadas titulacións e trátase dun cambio moi serio realizado a través dun decreto que non se someteu a debate e á avaliación suficiente. Ademais, consideran que se trata dun menosprezo ao profesorado.

Entenden que as reválidas supoñen que un escolar cun currículo brillante en bacharelato non poderá obter o título por non pasar esa proba nin acceder á universidade porque teña un mal día fronte a un exame. Por este motivo continuarán cun calendario de actuacións conxuntas contra as reválidas.

Esperan que a xornada deste mércores resulte un éxito que provoque un cambio na actitude do Partido Popular á fronte do goberno en funcións. En Pontevedra, a Federación organiza unha manifestación que partirá ás 18.00 horas da praza da Peregrina e dirixirase ata a Subdelegación do Goberno para retornar, a continuación, á Peregrina.