A covid-19 avanza imparable en área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este martes 3 de novembro suma xa 1.082 casos activos e unha presión asistencial cada vez máis elevada, cun total de 70 pacientes ingresados nalgún dos hospitais.
Segundo o último balance oficial do Servizo Galego de Saúde, na última xornada contabilizáronse 77 novos positivos que fan que a pesar de que se produciron dúas mortes e se deron 42 altas a pacientes, siga habendo máis casos activos que o día anterior. En concreto, 33 casos máis que o luns.
En canto aos hospitais, produciuse un descenso da ocupación da unidade de Coidados Críticos o Hospital Montecelo, que pasou de seis a catro pacientes na última xornada, tras a morte de dous pacientes ingresados neste centro hospitalario, un home de 57 anos e unha muller de 89.
A maiores deses catro pacientes máis graves, outros 66 permanecen ingresados en planta de hospitalización. En concreto, hai 50 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 14 no Hospital do Salnés.
Ademais, outros 1.012 pacientes que deron positivo na enfermidade están en corentena nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.561 pacientes, 42 na última xornada, e faleceron 33 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 702, que elevan a 67.155 as probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico, este martes o Servizo Galego de Saúde reporta 9.376 casos activos de coronavirus tras detectar nas 24 horas anteriores 425 casos confirmados por probas PCR. Descontados os pacientes que recibiron o alta no mesmo período, supón que hai 84 casos activos máis na comunidade.
Segundo este balance, hai 466 pacientes hospitalizados e 79 en unidades de coidados críticos de toda Galicia.
Ata o momento, desde o inicio da pandemia curáronse en Galicia 28.095 pacientes e faleceron 944 persoas. En total, tiveron ou teñen a enfermidade 38.414 persoas, realizáronse 706.326 probas PCR e 401.949 probas serológicas.