Pontevedra, Marín, Poio, Vilagarcía, O Grove, Cambados e Ribadumia continúan en alerta vermella

Pontevedra
03 de novembro 2020

A capital da provincia rexistra dous casos máis que este luns e a cifra establécese en 368, mentres que en Marín hai dous casos activos menos nas 24 últimas horas para situarse en 72 positivos no municipio. Nas últimas horas faleceron dúas persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, un home de 57 anos e unha muller de 89

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 3 de novembro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 3 de novembro / Sergas

Os municipios que este luns se atopaban en alerta vermella, con nivel 3, continúan na mesma situación, segundo os parámetros que manexa a Consellería de Sanidade.

O comité clínico que avalía a situación da pandemia vai xuntarse a partir das 18.00 horas para estudar os datos. Tanto o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña como especialistas que forman parte deste comité xa avanzaron previamente que son partidarios de reforzar as medidas restritivas durante os próximos días para frear os contaxios.

Nas últimas horas faleceron dúas persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, un home de 57 anos e unha muller de 89.

Na conxunto da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que continúa en nivel vermello, hai 76 novos positivos que conforman un total de 1.082 casos activos, dos que 70 atópanse hospitalizados e catro casos permanecen na UCI. 

Os municipios que continúan en alerta vermella seguen sendo Pontevedra, Poio, Marín, Vilagarcía, Cambados, O Grove e Ribadumia.

No municipio de Pontevedra rexistráronse dous casos activos máis que o luns e alcanza a cifra de 368 positivos. En Marín, en cambio, descenden o número de casos en dous, para establecerse en 72 persoas enfermas.

O maior incremento prodúcese en Cambados, con sete contaxios máis, cifra que eleva o total de casos activos no municipio ata os 52. En Vilagarcía a tendencia é a inversa e os infectados, un total de 80, son tres menos que onte.

En nivel 2, en cor laranxa, están os concellos de Vilaboa, Sanxenxo, Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Cerdedo-Cotobade.

Entre estes últimos, Sanxenxo aumenta en dous os seus casos activos ata un total de 28, mentres que Vilanova de Arousa rexistra un novo contaxio máis nas últimas 24 horas e o número de persoas contaxiadas ascende a 30. 

Nun nivel inferior mantéñense Bueu, Cuntis, Ponte Caldelas, A Lama e Cuntis, que rebaixa de novo o seu posicionamento e volve ao nivel 1 (amarelo), segundo o mapa de alertas ofrecido pola Consellería de Sanidade. 

En nivel cero (verde) atópanse Meaño, Portas, Meis, Barro e Campo Lameiro, con menos de 7 casos detectados entre a súa poboación na última semana.