A Denominación de Orixe Rías Baixas supera os 24 millóns de quilos de uva e cumpre así as súas estimacións

O Salnés
18 de outubro 2014

Recolléronse un total de 24.180.221 quilos de uva nas 4.027 hectáreas inscritas, o que supón un descenso do 27,84% con respecto á anterior campaña considerada a segunda máis abundante na historia desta Denominación de Orixe

Uvas de albariño Juan Mejuto

A Denominación de Orixe Rías Baixas superou os 24 millóns de quilos de uva vendimada, segundo os datos rexistrados polo seu Consello Regulador, que daba por concluída a campaña deste ano o pasado 7 de outubro con 24.180.221 quilos de uva nas 4.027 hectáreas inscritas, o que supón un descenso do 27,84% con respecto á anterior campaña considerada a segunda máis abundante na historia desta Denominación de Orixe.

O director técnico da D.O. Rías Baixas, Agustín Lago, destaca "o estado xeral da uva foi bo, a pesar das condicións climatolóxicas adversas, grazas ao esforzo e profesionalidade dos viticultores e das adegas".

As estimacións que barallaba o ÿrgano de Certificación e Control de Rías Baixas entre 20 e 25 millóns de quilos de uva cumpríronse, pois se superaron os 24 millóns de quilos de uva, calculándose un rendemento medio ponderado de 6.003 quilos por hectárea para toda a denominación de orixe.

Dende o Consello Regulador novamente quíxose destacar o enorme esforzo humano e profesional que realizou o sector de Rías Baixas nun ano con malas condicións atmosféricas e durante unha vendima que podería cualificarse de curta e intensa, na que a tregua do bo tempo permitiu aos 6.031 viticultores recoller a uva e dispoñer de tempo abondo para facer a mellor selección do froito.

Dentro das variedades brancas, a produción da variedade albariño volve ser abafantemente maioritaria, representando o 96,7% do total, aínda que se afianzan o o caíño branco como segunda variedade, seguido da loureira e a treixadura. Das variedades tintas, que supoñen o 0,85%, recolléronse 205.905 quilos de uva, das cales a variedade de maior produción continua sendo o Sousón.

En canto á distribución por subzonas, a maior cantidade de uva recollida corresponde unha vez máis ao Val do Salnés, seguida por Condado, O Rosal, Ribeira Ulla e, por último, Soutomaior.

Como en anos anteriores, o director técnico, Agustín Lago, recorda que "o Consello Regulador da D.O. foi extremadamente rigoroso nos aspectos relativos á garantía de orixe da materia prima e á calidade".