A Deputación adaptará a normativa estatal sobre teletraballo incorporando a perspectiva de xénero

Pontevedra
09 de outubro 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a administración provincial adaptará a normativa estatal sobre o teletraballo incorporando a perspectiva de xénero

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a administración provincial adaptará a normativa estatal sobre o teletraballo incorporando a perspectiva de xénero.

O pasado 22 de setembro o Consello de Ministros aprobaba a Real Decreto-lei que regulará o traballo a distancia, que queda definido como aquel que se preste, nun período de referencia de tres meses, durante un mínimo do 30% da xornada ou a porcentaxe proporcional equivalente en función da duración do contrato de traballo.

Agora a presidenta provincial informa que "xa iniciamos o procedemento para adaptar a normativa estatal ás peculiaridades da Deputación de Pontevedra" polo que presumiu "volvemos situarnos como unha administración pública pioneira". 

A idea é "optimizalo para desenvolvelo con garantías" xa que, o teletraballo "non pode ser un paso atrás para as mulleres" polo que "incorporaremos a perspectiva de xénero".

"Teletraballo non é sinónimo de conciliación, que se esqueza todo o mundo", advertiu.

Xa se aprobou unha resolución para poñer isto en marcha e o primeiro paso para adaptar a normativa será a realización unha diagnose posto a posto en cada servizo e departamento. Determinaranse os equipamentos e o modelo de seguimento "para mellorar a eficacia e eficiencia". 

Carmela Silva adiantou que este proceso "será escalonado e agardamos que a finais de ano teñamos unha proposta dialogada".