A Deputación completa a primeira fase do Plan Compost Revitaliza "con gran éxito"

Pontevedra
13 de xullo 2016

O vicepresidente César Mosquera presentou este mércores o primeiro compost obtido no composteiro de Príncipe Felipe, de onde hai semanas que non sae nin un quilo de residuos orgánicos para o seu tratamento

Eva Villaverde e César Mosquera fan balance da primeira fase do Plan Compost Revitaliza
Eva Villaverde e César Mosquera fan balance da primeira fase do Plan Compost Revitaliza / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, presentou este mércores o primeiro compost obtido no centro de compostaxe de Príncipe Felipe, onde se situou o ‘banco de probas’ do novo plan provincial de residuos.

Mosquera salientou que "Príncipe Felipe era o reto máis difícil: as escopetas estaban cargadas por se funcionaba mal", e anunciou que a primeira fase do Plan Compost Revitaliza está completada e con "gran éxito".

Segundo explicou en rolda de prensa, o composteiro está funcionando "sen ningún tipo de problemas" dende hai meses a pesares de ser unha "aposta complicada, complexa" polos diferentes centros que hai alí e pola cantidade de persoas implicadas. "Demostramos que somos capaces de levar adiante a compostaxe", asegurou o nacionalista.

Mosquera explicou que os colectores desapareceron de todo o complexo de Príncipe Felipe (formado polos centros de acollida, escola infantil, Carlos Oroza, colexios e centro de Formación Profesional) e que os seus integrantes, "ao principio reticentes", están participando na compostaxe.

"As escopetas estaban cargadas por se funcionaba mal", dijo Mosquera sobre o Plan Compost

En canto a números, o vicepresidente explicou que alí "xérase unha media de 500 quilos de orgánicos cada día, o que equivale a unha vila de entre 1.500 e 2.000 persoas". Este lixo que se foi acumulando seguiu as diferentes fases de compostaxe vixiado polos mestres composteiros dende o pasado mes de marzo. A día de hoxe xa se dispón do primeiro lote de compost: 700 litros de volume que están a ser utilizados para abonar os xardíns e zonas verdes de Príncipe Felipe. "É un compost da mellor calidade, cun olor neutro e textura vexetal que pode ser utilizado para calquera planta e calquer lugar", asegurou.

Como mostra do éxito obtido, Mosquera anunciou que estanse a instalar outros dous composteiros comunitarios para dar saída á gran cantidade de residuos que se xeran no complexo socio-asistencial: outro anexo ao actual ao carón das cociñas dos centros de acollida, e outro para substituír ao composteiro dinámico que se alugara á Universidade da Coruña e que daba servizo ao Carlos Oroza.

INSTALACIÓNS NOS CONCELLOS

Por outra banda, Mosquera tamén anunciou que se está a pechar outra ‘subfase’ do Plan Compost Revitaliza "máis social e menos delicada" que a de Príncipe Felipe: a instalación dos centros de compostaxe comunitaria nos concellos.

A día de hoxe están xa instaladas as unidades dos concellos de Pontevedra (catro composteiros de 6 módulos cada un), Vilaboa (dúas unidades de 3 e 6 módulos), Soutomaior (unha unidade de 8 módulos), Ribadumia (unha unidade de 6 módulos), Illa de Arousa (unha unidade de 6 módulos) e Moaña (unha unidade de 6 módulos). Están a piques de rematar as de Caldas de Reis (dúas unidades de 6 módulos).

Foron 23 os concellos solicitantes de centros de compostaxe comunitaria. Os prazos para as instalacións estanos marcando os propios municipios en función da súa dispoñibilidade. Mosquera asegurou que a Deputación ten máis módulos preparados para instalar e abriu a porta á incorporación ao plan de "grandes produtores".