A Deputación propón a creación dunha subsede permanente do GES no Grove

O Salnés
06 de setembro 2017

O obxectivo desta proposta é normalizar a situación dentro do mapa de emerxencias para que O Grove, pola súa particular situación nunha península e a súa condición de municipio turístico no verán, conte cun servizo conxunto coa sede de Sanxenxo, a semellanza do que xa ocorre na Estrada e Lalín

Probas para persoal de Emerxencias de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A Deputación de Pontevedra trasladou este mércores dúas propostas para mellorar a eficiencia do mapa de emerxencias na provincia. Fíxoo na comisión de seguimento do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as deputacións provinciais.

As ideas defendidas polo deputado Carlos López Font pasan por impulsar o modelo de isocronas, é dicir, que a repartición na atención dos servizos de emerxencia se faga polo tempo de resposta e non por comarcas, e a creación dunha subsede do GES no Grove.

Neste aspecto a creación dunha subsede na localidade supoñería dar permanencia aos convenio anual que veñen asinando desde 2014 entre administracións para reforzar o servizo, dada a situación xeográfica do Grove nunha península que amplía os tempos de resposta desde outras bases e debido tamén á súa condición de municipio turístico, cun grande incremento de poboación durante o verán.

Desta maneira O Grove prestaría o servizo conxuntamente co grupo de emerxencias de Sanxenxo, dun xeito similar ao que xa ocorre na Estrada e Lalín.

En canto ao modelo de isocronas, López Font defende que o tempo de resposta debe ser de 30 minutos como máximo, cando na actualidade "desde o concello da Lama, no leste, ata o de Vilaboa e desde o concello de Cerdedo-Cotobade, no norte, ata o de Covelo no sur da provincia existe un déficit de medios que fai que esa parte do territorio sexa máis vulnerable ante as incidencias", sinalou o deputado provincial.