A Deputación realizará obras na Escola de Cantería para tentar lograr a homologación do título

Poio
05 de outubro 2018

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da redacción do proxecto básico e de execución e da realización das obras de adaptación á normativa vixente para converter a Escola de Cantería nunha Entidade de Formación Profesional para o Emprego

Escola de Cantería
Escola de Cantería / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da redacción do proxecto básico e de execución e da realización das obras de adaptación á normativa vixente para converter a Escola de Cantería nunha Entidade de Formación Profesional para o Emprego.

"Con este paso iniciamos un procedemento sen marcha atrás para conseguir a licenza que nos permita solicitar a homologación do título de canteiro e canteira", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.

Para poder conseguir a licenza e a posterior homologación, levarán a cabo obras na Escola de Cantería por un valor total de 440.000 euros, sendo 415.000 euros para obras e certificados e outros 25.000 euros para o proxecto e a dirección de obras.

Os traballos de mellora terán un prazo de execución de 9 meses, levándose a cabo entre outras actuacións para a mellora das condicións hixiénicas, de habitabilidade e de seguridade, medidas correctoras de ruídos e de contaminación acústica ou mellora da accesibilidade.

Silva ofreceuse a manter unha reunión co alumnado do centro e indicou que espera "que a Xunta de Galicia se poña do noso lado porque é a administración competente neste asunto".