A empresa xustifica agora o peche de Tafisa nos problemas económicos de todo o grupo Sonae

Pontevedra
03 de xuño 2014

Os representantes dos traballadores quedaron en presentar un plan de viabilidade na próxima reunión do mércores 11. Esta mañá, o equipo concentrouse ante o edificio da NovaGalicia Banco en Pontevedra, onde se celebraba a reunión, con pancartas nas que se lía: 'Tafisa - Peche Non. Queremos solución'

Moledo anuncia que se presentará un novo plan de viabilidade á empresa para tentar salvar Tafisa /
Xuntanza entre os representantes da dirección de Tafisa e do comité de empresa en Pontevedra
Xuntanza entre os representantes da dirección de Tafisa e do comité de empresa en Pontevedra

"O peche de Tafisa en Ponte Caldelas é unha decisión de Belmiro de Azevedo (presidente do consello de administración de Sonae) e iso é moi difícil de cambiar", así manifestaba a súa preocupación un dos representantes da parte social á saída da reunión mantida con membros da empresa no edificio de NovaGalicia Banco en Pontevedra. Este segundo encontro serviu para que dende a dirección de Tafisa se xustificase o peche da fábrica de taboleiros en Ponte Caldelas nos malos datos económicos que presenta o grupo Sonae durante os últimos exercicios.

O presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, afirmaba á saída que van elaborar un novo plan de viabilidade para presentarllo á empresa na próxima reunión prevista coa entidade o mércores 11. "Se han comprometido a estudiarlo" apunta Moledo, que mostraba o seu malestar porque a empresa sumou gastos á fábrica da Reigosa que non lle corresponde: "han cargado al centro de Ponte Caldelas datos que non se deben cargar alí, indemnizacións, material defectuoso... e moitos outros datos. Así claro que os números lles saen negativos".

Dende o comité lamentan que a parte empresarial siga mostrándose inflexible na negociación sobre o peche, a pesar dos datos económicos que manexan os representantes dos traballadores: "Meses atrás le presentamos un plan de viabilidade para que el centro no se cargara con tanto ERE. De aquella no había dinero para el plan de viabiliadad y ahora, meses después, sí tienen para despedir, que es mucho más costoso".

Durante as dúas horas que durou a reunión, o persoal da fábrica e representantes sindicais se concentraron na Praza de San Xosé. Un dos traballadores encontrábase "crucificado" fronte á porta do edificio do centro social de Novacaixagalicia. Moledo afirmou que continuarán con protestas durante os próximos días. Este mércores 4 teñen previsto reunirse con representantes do BNG e están a programar unha concentración na sede de Sonae en Maia (Portugal). O vindeiro mércores 11, na terceira reunión para a negociación do futuro de Tafisa, os empregados volverán protagonizar unha protesta coa simulación dun enterramento nos arredores da Praza de San Xosé.