A estrea do parque canino de Monte Porreiro, á espera de que brote o céspede

Pontevedra
19 de decembro 2022

Este espazo de paseo de cans, impulsado polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, vai inaugurarse en xaneiro de 2023. O orzamento ascende a case 50.000 euros para unha superficie de 1.100 metros cadrados a carón da Galiña Azul, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica

Os concelleiros Marcos Rey e Iván Puentes visitan o parque canino de Monte Porreiro Concello de Pontevedra

Nun prazo de quince días espérase que estea xa dispoñible o novo parque canino situado no barrio de Monte Porreiro. Este luns, Iván Puentes e Marcos Rey, concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, visitaban este espazo de 1.100 metros cadrados de superficie, que se atopa situado nas proximidades á Galiña Azul, entre Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica, na contorna do Centro de Saúde. 

Durante os últimos días, a empresa Naturgalia SL finalizaba a instalación de todos os elementos deste espazo, que conta cun orzamento que supera os 47.833 euros. A parcela atópase limitada por un panel de malla electrosoldada, plantáronse dúas árbores e instaláronse dúas portas de paso. Tamén contará con fontes de aceiro inoxidable combinadas para persoas e animais; dúas papeleiras cilíndricas; dous postos de perfil oco de sección rectangular; dous postos para que os cans ouriñen; dous bancos, un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira; ademais dun teito de chapa sándwich, para que as persoas usuarias se poidan refuxiar da choiva ou o sol.

Iván Puentes sinalaba durante a visita que será necesario esperar a xaneiro, a que termine de brotar o céspede, para que o Concello reciba a obra. Está prevista a realización dun acto de inauguración oficial con representantes das asociacións caninas e da veciñanza.

Este parque é o primeiro dos tres destinados ás mascotas que están previstos polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal. Os outros dous proxectáronse para Campolongo e Valdecorvos, na Praza das Regas. Todos os parques fináncianse a través dunha modificación de crédito aprobada con montante global de 122.722 euros.

Segundo Iván Puentes o número de cans censados no municipio sitúase en 16.000 e, por este motivo, considera que se trata dun "paso adiante fundamental" para mellorar a convivencia da cidadanía e dos animais. 

Os concelleiros socialistas tamén indicaron que se traballa na instalación dos elementos da nova pista multideporte na Praza de Europa en Monte Porreiro para que estea lista a principios de 2023. O proxecto execútase pola empresa Garocaprim SL cun orzamento de 53.805 euros.