A Deputación de Pontevedra vén de confirmar ao urbanista, asesor da alcaldesa de París Anne Hidalgo e teórico da 'Cidade dos 15 minutos', Carlos Moreno, no cadro de profesores/relatores da 'Facultade Ágora', a iniciativa que pretende formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como tratar o espazo público para recuperalo para as persoas.
Moreno é o director da cátedra Emprendemento, Territorio, Innovación da Universidade da Sorbona e un dos maiores expertos en ''cidades intelixentes''. Coñecido mundialmente como experto do concepto ''cidades vivas'', é un orador que favorece a creación de unións entre actores nacionais e internacionais institucionais, públicos e privados que destaca que se está a vivir unha verdadeira ''revolución da cultura urbana''.
Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio ambiente sobre todo nestes momentos de pandemia.
Como membro do cadro docente, participará no segundo seminario da Facultade titulado 'A cidade dos 15 minutos no territorio disperso', no que se pretende facer unha reflexión e análise sobre a filosofía de Moreno e como se pode adaptar nun territorio disperso como é o da provincia de Pontevedra.
Abordaranse tamén asuntos como a proximidade, a densidade ou a diversidade de usos e das fórmulas que poida ofrecer a planificación ou a lexislación para favorecer o aumento das densidades e lograr conter a dispersión.
Segundo subliña o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, que a 'Facultade Ágora' conte con relatores de gran nivel como Moreno confirma que ''é unha das iniciativas dentro do ámbito da formación sobre o espazo público máis ambiciosas e diferentes a nivel internacional''.
Uxío Benítez insistie en que a Facultade ten un carácter multidisciplinar que pretende achegarse a unha visión do espazo público dende diferentes perspectivas, temáticas e visións ''que fan que esa formación sexa sumamente enriquecedora e fortaleza todo o que nós, dende a Rede Ágora polo espazo público, sintetizamos nos principios Ágora que deben ser considerados á hora do tratamento''.
En total haberá máis de 40 profesionais do urbanismo, a enxeñería, a xeografía e outras moitas especialidades que avalan o programa pedagóxico, coordinado polo enxeñeiro Fernando Nebot e realizado co apoio técnico da Rede de Cidades que Camiñan, cuxa directora técnica, a arquitecta Ana Montalbán, encárgase dos aspectos organizativos.
Nos vindeiros días confirmaranse outras grandes figuras. A preinscrición para participar na ‘Facultade’ estará aberta ata o 22 de marzo, cando comezará a matrícula. O curso está aberto a calquera persoa interesada e que nestes momentos, apenas catro días despois do inicio, xa hai 90 persoas anotadas. Dado o grande interese suscitado, as 100 prazas previstas inicialmente foron ampliadas xa a 150.