A etapa da feira ambulante dos sábados na Alameda chega, polo menos de momento, á súa fin. O próximo sábado 15 de xullo será o seu último día neste céntrico emprazamento.
Así llo anunciou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, aos representantes da Asociación de Ambulantes Autónomos de Galicia.
Ata novo aviso regresarán ao paseo de Rafael Areses, a carón do Recinto Feiral.
Esta decisión vén motivada, destaca o goberno municipal, porque o espazo da Alameda é necesario que estea libre para as actividades das Festas de Verán.
O 22 de xullo celébrase nese emprazamento o programa Titirivedra, pensado para público infantil. Seguidamente, o espazo quedará reservado para as Festas da Peregrina, a Feira Franca e a gran final das series mundiais de tríatlon que se celebran entre o 21 e o 24 de setembro.
Na xuntanza, Gulías comprometeuse a manter un diálogo aberto permanente coa asociación para "seguir tomando decisións de común acordo que beneficie á cidade e ao colectivo".