A Festa do Mar, do 22 ao 26 de agosto; a Festa da Ameixa, 15 e 16 de setembro

Poio
22 de febreiro 2018

Dende a Concellaría de Turismo estase a traballar nun amplo abano de actividades musicais e culturais co fin de ofertar un programa de actividades completo e axeitado a todos os públicos durante o verán

Última xornada da Festa do Mar 2017 en Combarro Diego Torrado

As dúas festas gastronómicas principais das que se celebran en Poio cada ano xa teñen data para as súas edicións deste 2018. A Festa do Mar de Combarro celebrarase do 22 ao 26 de agosto e a Festa da Ameixa de Campelo fixouse para os días 15 e 16 de setembro.

A Concellaría de Turismo do Concello de Poio deu a coñecer as datas de celebración das dúas grandes citas gastronómicas, que son os dous eventos con maior repercusión no municipio dende o punto de vista turístico.

A Festa do Mar de Combarro celebrará a súa XVIII edición do 22 ao 26 de agosto e contará cun amplo programa de actividades, entre as que destacarán, como en anteriores edicións, a XXXIII Concentración de Embarcacións Tradicionais organizada polo Clube Mariño A Reiboa. Haberá actividades durante todo o fin de semana.

Non faltará no marco da programación da Festa do Mar de Combarro o Festival Armadiña Rock, organizado pola ACDeM Armadinha e que ofertará tanto actividades musicais como culturais dende o venres ata o domingo.

A Festa da Ameixa de Campelo celebrará en setembro a súa XXXI edición. Como principal novidade, este ano o V Festival da Ameixa coincidirá na mesma data coa cita gastronómica, misturando deste xeito a gastronomía, o folclore tradicional e a música de grupos con repercusión nacional.

Dende a Concellaría de Turismo estase a traballar nun amplo abano de actividades tanto musicais como culturais co fin de ofertar aos milleiros de visitantes que se achegan ata Poio durante a tempada estival e aos veciños do municipio un programa de actividades completo e axeitado a todos os públicos.