A Fiscalía pide 38 anos de cárcere para un padrasto por violar e abusar durante unha década da filla da súa parella

Pontevedra
20 de febreiro 2024

A Fiscalía Provincial solicita para el unha condena de 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual a menor, 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual e 4 anos de cárcere por un delito de lesións

A Fiscalía pide 38 anos de cárcere para este home por violar e abusar durante unha década da filla da súa parella PontevedraViva

A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra celebrou este martes un xuízo contra un home acusado de violar e abusar sexualmente durante unha década da filla da súa parella.

A Fiscalía solicita para el unha condena de 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual a menor, 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual e 4 anos de cárcere por un delito de lesións.

Ademais, o Ministerio Fiscal pide para o acusado a prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 100 metros, así como ao seu domicilio, centro de estudos, lugar de traballo e outros lugares frecuentados por ela durante 9 anos e de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo tempo, polos delitos de agresión sexual. Durante 4 anos polo delio de lesións. 

Unha vez cumprida a condena, deberá impoñerse, segundo solicita a Fiscalía, 8 anos de liberdade vixiada polos delitos de agresión sexual e 4 polo de lesións.

Por último, o Ministerio Público pide que o acusado indemnice á vítima con 9.900 euros polas lesións psíquicas causadas e na cantidade de 75.000 euros polas secuelas padecidas como consecuencia dos feitos delituosos.

Durante a vista oral o procesado non recoñeceu os feitos polos que está acusado negándose a contestar as preguntas da fiscal e da acusación particular, o avogado da defensa tampouco fixo preguntas. 

Con todo, a vítima relatou con detalle os feitos delituosos que tiveron lugar "casi a diario" sen o seu consentimento no domicilio no que convivían, nun parroquia do rural de Pontevedra, durante 10 anos, entre 2009 e 2019.

Esta moza decidiuse a denunciar os feitos cando a súa curmá desveloulle que estaba a ser acosada polo acusado, ese mesmo día contoulle á súa nai que o home que era a súa parella  "abusó sexualmente de mi durante años", entón acudiu á Comisaría para presentar a denuncia contra o seu padrasto.

Ante o tribunal, a moza explicou que cando tiña 8 anos foise coa súa nai para vivir a casa do acusado e que pronto empezaron os abusos ao acudir o seu padrasto "prácticamente todas las noches" á súa habitación para facerlle tocamentos mentres el se masturbaba. "Yo no sabía cómo reaccionar y me hacía la dormida mientras todo pasaba", asegurou.  

Gradualmente estas accións foron a máis chegando a obrigar á nena a que lle fixese felacións algo que "sucedió en repetidas ocasiones". Para que non revelase o sucedido o acusado intimidábaa e tamén lle dicía que se llo contaba a alguén a botaría da súa casa a ela e á súa nai, con quen chegou a ter varios fillos.

Segundo o relato da vítima as agresións do seu pai tamén se repetiron as fins de semana cando ían á casa dos seus avós. Cando tiña 16 anos violouna, "yo solo sentía dolor", dixo a moza coa voz entrecortada.

A moza tentou suicidarse en varias ocasións e está a recibir tratamento psiquiátrico e psicolóxico por estes feitos.