A folga de funcionarios, seguida masivamente nos xulgados de Pontevedra

Pontevedra
25 de xaneiro 2018

Os sindicatos indican que o seguimento supera o 95% tanto nos xulgados da Parda como na Audiencia de Pontevedra. En ambos os dous edificios só estiveron en funcionamento os servizos mínimos. A Xunta reduce este apoio a un 50% en Pontevedra

Folga de funcionarios na Audiencia de Pontevedra
Folga de funcionarios na Audiencia de Pontevedra / Mónica Patxot

Os funcionarios da administración de Xustiza consideran un éxito a xornada de folga convocada durante este xoves 25 en toda Galicia co obxectivo de reivindicar a igualdade de salarios con outros traballadores noutras comunidades autónomas.

Os sindicatos convocantes sitúan o seguimento en Pontevedra nun 95%. Na Audiencia Provincial suspendíase o xuízo no que sentan no banco axentes da Garda Civil porque faltaba persoal para poñer en marcha un dispositivo. Con todo, si se mantivo o xuízo por un caso de abusos sobre unha menor, unha vista oral que se celebra a porta pechada.

No edificio da Parda, os funcionarios sitúan o seguimento en ao redor do 99%. Tan só se mantiñan os servizos mínimos. O xulgado de garda atendía declaracións e tramitacións de urxencia. 

As forzas sindicais SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO participaban durante o mediodía deste xoves nunha manifestación en Santiago de Compostela. Responsabilizan ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de  Xustiza, Alfonso Rueda, de levar á xustiza galega a unha situación de "extrema gravidade" e anuncian que, se non se resolve esta situación, iniciarán unha folga indefinida a finais do mes de febreiro.

A XUNTA SITÚA NUN 50% O APOIO Á FOLGA

Desde a administración autonómica afírmase que o seguimento da folga na provincia de Pontevedra é dun 50% e o cumprimento dos servizos mínimos decretados é dun 100%. A Xunta rebaixa a cifra en toda Galicia a un seguimento do 42,11%.

Desde a consellería de Xustiza afirma que a Xunta mantén a súa vontade de diálogo co obxectivo de chegar canto antes a un acordo. Afirman que xa se lograron amplos consensos en tres dos cinco asuntos que se atopaban sobre a mesa na negociación e recoñecen que as diferenzas se atopan na pretensión por parte dos sindicatos de obter unha subida salarial moi superior á ofrecida pola administración autonómica.

Os representantes dos traballadores piden un incremento salarial de 270 euros ao mes mentres que a Xunta considera inasumible esa subida. Xustiza afirma que se fixo unha oferta económica igual á media dos restantes territorios, e que a mellora das condicións salariais de traballadores de Cataluña, Aragón, Estremadura, Baleares ou Murcia. 

Desde o goberno de Núñez Feijóo aseguran que este colectivo de funcionarios contan con mellores condicións salariais que os seus compañeiros das comunidades autonómas que dependen do Ministerio de Xustiza e que os traballadores da Xunta de Galicia.