O comité de folga do traballadores da xustiza empraza a Feijóo e a Rueda a retomar as negociacións

Pontevedra
09 de febreiro 2018

O vindeiro luns ás dez da mañá "onde eles queiran". Así empraza o comité de folga dos funcionarios da administración de xustiza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e ao conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda para retomar as negociacións

Protesta dos traballadores da Administración de Xustiza
Protesta dos traballadores da Administración de Xustiza

O vindeiro luns ás dez da mañá "onde eles queiran". Así empraza o comité de folga dos funcionarios da administración de xustiza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e ao conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda para retomar as negociacións.

O comité de folga compareceu en rolda de prensa nunha das salas de vistas da Audiencia provincial de Pontevedra onde acusaron a Feijóo de "mentir" polo que consideran "bastas manipulacións dos datos" respecto dos datos que deu o presidente sobre cuestións como a situación retributiva deste colectivo, entre outros.

En representación dos sete sindicatos que integran o comité de folga, Enrique Araújo reclamou a dimisión de Alfonso Rueda "por inepto". Acúsanlle de desentenderse en todo este conflito laboral.

Na rolda de prensa puntualizaron que a Xunta ofrece "cero" euros de subida para 2018, o que mantería a Galicia "á cola" neste exercicio entre as comunidades autónomas que teñen transferida a competencia na administración de xustiza.

SEGUIMENTO

A terceira xornada de folga que tivo lugar este venres alcanzou un seguimento do 93% segundo os datos facilitados polos sindicatos convocantes. Nos xulgados de Vilagarcía, Cambados, Caldas de Reis e Marín, o seguimento foi dun 88% de media.

Os venres adoitan sinalarse poucos xuízos pero si que resultaron suspendidos numerosos actos procesuais de parte, (declaracións, audiencias previas, comparecencias, etc.).

Pola súa banda, a Xunta asegura que o seguimento da folga en Pontevedra foi do 38,73%. Apunta que en toda Galicia foron á folga 1.024 persoas dun total de 2.700. No cálculo destes datos hai que ter en conta que 132 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares, ou días de libranza) e 770 cumpriron servizos mínimos.