A Fracha di non ao "capricho político" da autovía A-57

Pontevedra
09 de novembro 2014

Arredor de 250 persoas a pé e en bicicleta responderon este domingo á chamada realizada pola plataforma ⿿Salvemos a Fracha⿿ e o colectivo Masa Crítica para 'tomar A Fracha' contra o proxecto da autovía A-57

Andaina de protesta de Salvemos A Fracha
Andaina de protesta de Salvemos A Fracha / Diego Torrado

"Esta serra pola que acabamos de camiñar e pedalear hoxe deixaría de existir tal e como a coñecemos. Non só haberá unha mole de cemento polo medio, senón que desaparecerán os castiñeiros que acabamos de ver, as carballeiras, moitas das plantas e especies de fauna únicas que algúns puidemos gozar esta mañá". A mensaxe de alerta lanzouna este domingo a plataforma Salvemos a Fracha ás arredor de 250 persoas que secundaron a andaina e a ruta BTT organizada polo colectivo e por Masa Crítica para amosar a súa oposición ao proxecto da autovía A-57. 

En nome dos afectados falou Bibiana Piñeiro, unha veciña de Marcón que leu un manifesto reivindicativo no que arremeteu contra a minstra de Fomento, Ana Pastor, á que acusou de que "segue empeñada en facernos un agasallo envelenado" porque "quere deixar pegada en Pontevedra", a cidade na que reside dende hai tempo.

O colectivo de afectados mantén que para deixar pegada na veciñanza non é necesario invertir 100 millóns de euros no primeiro tramo da A-57, en tan só 6,4 quilómetros. O proxecto supón, segundo os cálculos de 'Salvemos A Fracha', un investimento global de máis de 1.000 millóns de euros en 64 quilómetros entre Ponteareas e Curro. 

Á vista destes datos e do impacto da autovía no monte da Fracha e no rural pontevedrés, dende a plataforma califican a autovía como "o colmo do despropósito", "un despilfarro en época de recortes" e "un capricho político ao que os hoxe aquí presentes dicimos non".

A andaina e a marcha BTT percorreron este domingo durante tres horas os montes afectados polo trazado do primeiro tramo da A-57  para chamar a atención sobre o impacto que terá esta infraestrutura no ámbito e nos usos sociais que lle dan os cidadáns. Entre os participantes había integrantes de distintos colectivos pontevedreses como Vaipolorío, a asociación Monte Pituco, Masa Crítica, Greenpeace ou UPyD e persoas chegadas dende distintos puntos de Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Extremadura. 

Os participantes que ían a pé e os que fixeron a ruta en bicicleta realizaron distintos percorridos, pero ambos os dous comezaron a remataron no lugar de Pintos, na parroquia de Marcón, nun dos puntos máis afectados polo trazado proxectado para a A-57. O punto de saída e reunión, segundo explicaron, quedará partido en dous por un ⿿talud⿿ de 60 metros de alto e 100 de ancho. Alí están ubicados na actualidade os depósitos que nutren de agua varias decenas de casas e que quedarían arrasados pola autovía. 

Ambas as dúas rutas fixeron un percorrido circular e prolongáronse durante tres horas, confluindo no Alto da Fracha, un mirador natural sobre as rías de Pontevedra e Vigo. Nese punto os participantes deixaron depositada unha bandeira verde coa que se busca concienciar aos pontevedres que o frecuentan de que "en caso de que o proxecto siga adiante, o asfalto e o formigón partirán en dous a Serra da Fracha e ameazarán especies de fauna e flora únicas e en perigo de estinción". 

A autovía A-57 promóvea o Ministerio de Fomento, pero 'Salvemos a Fracha' denuncia que conta coa complicidade do Concello de Pontevedra, non así do de Vilaboa, e dos tres grupos políticos maioritarios na capital, BNG, PSdeG e PP.

Arquivado en