A nova ordenanza de terrazas do Concello de Sanxenxo establece unha moratoria para que os locais poidan adaptar as súas terrazas ata o 30 de xuño de 2021. Esta é unha das principais medidas que o goberno local de Telmo Martín incluíu na normativa tras falar cos colectivos e particulares que presentaron alegacións.
A ordenanza, que previsiblemente se aprobará no pleno do 25 de novembro, establece que a hora de peche será sempre ata as 2.30 horas xa que non haberá ningunha diferenza de horario das terrazas entre os días de semana e as fins de semana.
Ademais elimínase o requisito de que a beirarrúa teña como mínimo 3 metros e poderán instalarse terrazas en beirarrúas cun ancho menor sempre que se deixe un paso libre de 1,80 metros como mínimo.
As mesas da terraza poderán ter diferentes alturas, sempre que manteñan unha estética común e a altura dos biombos de cerramento das terrazas sobe de 1,5 a 1,8 metros.
A ordenanza tamén recolle que as plataformas para igualar a altura naqueles viais en costa poderán ter ata 0.80 metros de altura, o documento inicial permitía 0,40 metros.
Permítese o uso de PVC nas terrazas e que as sombrillas poidan ter unha ancoraxe especial ao chan, previa inspección e autorización por parte do Concello. Todos estes materiais poderán deixarse amontoados no exterior do local.
Rafael Picó e o Paseo dos Barcos terán consideración especial. Poderán presentar un proxecto conxunto e consensuado con todos os locais, que o Concello revisará e aprobará en caso de consideralo oportuno.