A liña de alta tensión de Monte Porreiro estará soterrada a finais de ano

Pontevedra
12 de abril 2018

Un día "importante" para os veciños de Monte Porreiro. Así describiron as autoridades o inicio das obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro. Unión Fenosa garante que "si no hay imprevistos" a finais de ano a subministración eléctrica será por cable, quedando sen uso as actuais torretas

Obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro / Mónica Patxot

Un día "importante" para os veciños de Monte Porreiro. Así describiron as autoridades o inicio das obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro. Unión Fenosa garante que "si no hay imprevistos" a finais de ano a subministración eléctrica será por cable, quedando sen uso as actuais torretas.

A compañía investirá 1,5 millóns de euros para soterrar 2.000 metros da liña de alta tensión que, actualmente, cruza este barrio pontevedrés. Farao desde a subestación de Mourente ata o río Lérez, segundo confirmou Julio Gonzalo, director de Unión Fenosa Distribución en Galicia.

Tras as tarefas previas que se están realizando desde finais de marzo, a partir da próxima semana abrirase a gabia para completar a canalización subterránea existente, uns 634 metros executados no seu día polo Concello de Pontevedra. Estes traballos concluirán en setembro, segundo as previsións de Unión Fenosa.

Unha vez terminada a canalización, explicou Julio Gonzalo, comezarase a desmontar a liña aérea, pasando á subministración eléctrica a través do cable a finais de ano e deixando xa sen uso as dez torretas de alta tensión instaladas no barrio, que serán desmontadas en xaneiro.

Tan só quedará unha torre, a beiras do Lérez, punto desde o que a subministración deberá volver realizarse pola vía aérea para sortear o río.

O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, sinalou que os veciños estarán "satisfeitos" co resultado desta obra e agradeceu o "esforzo" realizado por Unión Fenosa para modificar o proxecto inicial e amplialo para que o soterramento chegase ata a subestación de Mourente.

Desde o goberno municipal, o edil Demetrio Gómez celebrou que esta actuación permita que o barrio "gañe moita calidade de vida" e destacou que "vai a quedar como queremos todos". Ademais, ofreceu á compañía "toda a nosa colaboración".

ESTACIÓN DE MOLLABAO

Con respecto á estación eléctrica de Mollabao, Unión Fenosa explicou que os plans iniciais da compañía contemplan derrubar o inmoble e "sacar fuera" os servizos que aínda se prestan no seu interior, algo que se fará "al mismo tiempo".

"Si no se llega a ningún acuerdo se demolerá", engadiu Julio Gonzalo.