A luz une aos nenos do Crespo Rivas cos de Porto Rico

Pontevedra
09 de maio 2018

Esta historia dos alumnos pontevedreses da escola infantil Crespo Rivas arranca a miles de quilómetros de distancia o pasado 20 de setembro. Aquel día un furacán ao que chamaron María arrasou Porto Rico

Os nenos do Crespo Rivas falan cos seus compañeiros de Porto Rico

Esta historia dos alumnos pontevedreses da escola infantil Crespo Rivas arranca a miles de quilómetros de distancia o pasado 20 de setembro. Aquel día un furacán ao que chamaron María arrasou Porto Rico. A cifra oficial de vítimas mortais é de 64, pero a día de hoxe o goberno da illa caribeña non foi capaz de contabilizar con certeza as miles de mortes indirectas relacionadas cos seus efectos, o máis mortífero a perda de electricidade en hospitais e domicilios.

A devastación causada polo furacán, o máis forte na illa nas últimas nove décadas, esnaquizou a súa envellecida infraestrutura eléctrica. Aínda hoxe un 30% da poboación segue sen electricidade.

Volvamos á Boa Vila. Este curso o Crespo Rivas empezou a traballar nun proxecto chamado "Aluzina" que profundaba na luz e en diversos experimentos dirixidos ao alumnado de 3-6 anos. Os pequenos comezan a falar sobre como sería vivir sen luz e afirman que para eles resultaría imposible.

Fabiola Citrón é unha das mestras desta escola pontevedresa. Ela naceu en Porto Rico e propuxo a todos que sería unha idea fantástica poñerse en contacto con algunha escola da illa caribeña e que as nenas e nenos de ambos os lados do Atlántico compartan dunha maneira vivenciar o que supón vivir sen luz. Así naceu o interese da súa curmá, que é mestra na Escola CeDIn, por participar nesta experiencia.

Ao longo das distintas semanas e de maneira paralela a actividade de ambos os centros escolares estivo irmandada co desenvolvemento de distintos experimentos e actividades relacionadas co tema. A cita máis importante tivo lugar este martes día 9 no que ambas as comunidades escolares, a pontevedresa e a boricua, víronse cara a cara mediante unha videoconferencia.

Foi un encontro moi emotivo entre os 75 alumnos de sexto de Educación Infantil e os 60 alumnos de pre kínder de Porto Rico que compartiron o medo que sentiron o día do furacán, explicaron que aínda non poden saír á rúa con normalidade porque "hay troncos atravesando la acera", falaron de como a falta de electricidade condiciónalles aspectos tan básicos como o aseo, a alimentación, o traballo ou a asistencia sanitaria.

A diferenza horaria obrigou aos galegos para asistir a clase pola tarde polo que a conexión arrincou co clásico "Buen día para nosotros, buena tarde para ustedes" e, despois dunha hora de charla, concluíu con bailes e cancións interpretadas conxuntamente.

A curiosidade dunha nena portorriqueña levoulle a preguntar aos seus compañeiros: "¿y ustedes en Pontevedra también tienen huracanes?" ao que responderon dicindo "si, aquí hay muchos, pero pequeñitos".