Os resultados dunha tese doutoral realizada na sede do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Salcedo por Iria Rodríguez Vega permiten coñecer por primeira vez a composición bioquímica da principal variedade de vide tinta de Galicia, Mencía, así como a influencia que exercen nesta as características ambientais e a orografía das cinco subzonas de cultivo a Denominación de Orixe (D.O.) Ribeira Sacra.
A investigación, que comezou en 2009, levouse a cabo a través de traballo de campo en quince viñedos das cinco subzonas da D.O. Ribeira Sacra (Amandi, Chantada, Ribeiras do Miño, Quiroga-Bibei e Ribeiras do Sil) e de traballo de laboratorio na Misión Biológica de Galicia.
Os resultados indican que o ciclo vexetativo da variedade Mencía na Ribeira Sacra rolda os 181 días, as uvas cultivadas en Ribeiras do Sil teñen maior concentración de compostos fenólicos e aromáticos sendo as de Quiroga-Bibei máis ricas en antocianos e as de Amandi en estilbenos. Estes indicadores revelan, polo tanto, que o terroir da Ribeira Sacra, é dicir, o chan e o clima, exerce unha notable influencia na composición bioquímica da variedade Mencía.
A partir dos resultados da investigación suxírense aos viticultores da Ribeira Sacra unha serie de pautas a seguir nos seus cultivos para obter viños de maior calidade, cunhas características específicas e facer fronte ás consecuencias do cambio climático. Avógase por cultivar en zonas medias e por instalar rexistradores de temperatura e humidade nas parcelas aproveitando ao mesmo tempo os diferentes microclimas da zona para obter viños en función das características desexadas.
Este sábado 31 de xaneiro, a autora da tese, Iria Rodríguez Vega, impartirá unha conferencia sobre os resultados das súas teses ás 18.00 horas no Centro do Viño da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos).